Os escolares que están a
participar estes días en XuvenCiencia, o campus de verán que se
desenvolve en Lugo da man da Universidade de Santiago, achegáronse
a semana pasada á realidade da actividade emprendedora e innovadora
que se desenvolve na Fundación CEL Iniciativas por Lugo, Centro
de Iniciativas Empresariais local no que tiveron oportunidade de
coñecer, de primeira man, como se converte unha idea ou proxecto
nunha realidade empresarial. Amais, os escolares puideron ver como
desenvolven o seu día a día os emprendedores adheridos á
Fundación, máis polo miúdo ao seu viveiro de empresas. Igualmente,
deron conta dos servizos que achega esta entidade para apoiar aos
novos empresarios galegos e a súa actividade de mercado.
Amais de realizar un
percorrido polas instalacións, os alumnos do campus de verán
mantiveron un encontro co coordinador da Fundación CEL, Rodolfo
Ojea, e os responsábeis directivos de diferentes iniciativas que se
están a desenvolver no acubillo empresarial, como por exemplo
Miramar Cruises
(axencia de viaxes en liña especializada en cruceiros, da
que falamos recentemente en Código Cero para informar das súas
importantes cifras de facturación en 2014), Nudoss
(rede social especializada en cruceiros), Don´t
Be a Foreigner (axencia de servizos a estranxeiros en España) e
Galaicus Gourmet (tenda en
liña de produtos delicatesen con orixe en Galicia).
Ningún comentario:
Publicar un comentario