xoves, 11 de xuño de 2015

A agricultura ecolóxica tira do campo galego

O sector segue medrando, xa supera as 16.000 hectáreas e factura 5,3 millóns de euros anuais.

A agricultura ecolóxica segue medrando en Galicia e acumula na última década un crecemento sostido: a superficie ecolóxica certificada xa superou este ano as 16.000 hectáreas, cun aumento do 50% en sete anos, o número de operadores subiu un 42% nos dez últimos anos, até os 732, e o volume de vendas creceu en 2014 un 20,48%, cunha facturación total de 5,3 millóns de euros. Os produtos que máis medran na certificación ecolóxica son leite e derivados, carne e produción avícola, conservas, peixe e pensos para alimentación animal, segundo datos do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Superficie inscrita

A superficie inscrita en agricultura ecolóxica viviu un crecemento importante dende o ano 1997, cando só existían 13,35 hectáreas en toda Galicia. Dez anos despois superábanse as 10.000 hectáreas, concretamente 10.985,03. Para o ano 2014 a superficie acadada xa era de 15.233 hectáreas, cun incremento do 50% nos últimos sete anos. E no primeiro cuadrimestre de 2015, a superficie seguiu medrando até as 16.236,75 ha. inscritas: un crecemento do 6,59% en catro meses que compensa o leve retoceso do pasado ano respect0 a 2013. “Isto é debido, en parte, ás novas axudas para a agricultura ecolóxica, que puxo en marcha a Consellería do Medio Rural no mes de marzo deste ano”, explica José Antonio Fernández, presidente de Craega.
Comparativa de superficie por provincias entre os anos 2013 e 2014 (variación en hectáreas e en porcentaxe):

SUPERFICIE
2013
SUPERFICIE 2014 VARIACIÓN % VARIACIÓN
A CORUÑA 1.620,79 1.112,00 -508,79 -31,39%
LUGO 6.971,11 7.090,92 119,81 1,72%
OURENSE 5.979,28 6.016,86 37,58 0,63%
PONTEVEDRA 1.099,67 1.013,32 -86,35 -7,85%
TOTAL GALICIA 15.670,85 15.233,10 -437,75 -2,79%

Datos de superficie provincial no primeiro cuadrimestre deste ano comparada co 2014:

SUPERFICIE 30/4/15 SUPERFICIE 2014 % VARIACIÓN
A CORUÑA 1.257,36 1.112,00 13,07%
LUGO 6.959,30 7.090,92 -1,86%
OURENSE 6.961,94 6.016,86 15,71%
PONTEVEDRA 1.058,15 1.013,32 4,42%
TOTAL GALICIA 16.236,75 15.233,10 6,59%

tipos-de-cultivo-Craega
Tipos de cultivo

Segundo os datos de Craega, Ourense e Lugo destacan nos cultivos de terras arables, mentres que a lista de hortalizas frescas, amorodos e setas a lidera A Coruña que, pola contra, é última en canto a terra de pastos e prados. Lugo encabeza, con moita diferenza, o número de hectáreas en barbeito ecolóxico.
No seguinte cadro podemos observar a evolución do número de operadores inscritos e da superficie certificada por Craega desde 1997. O crecemento durante 2014 foi do 5,49%. O número de produtores medrou o pasado ano un 5,93% e o número de elaboradores, importadores e comercializadores, un 12,03%. Sen embargo, como xa vimos, a superficie total certificada reduciuse nun -2,79% no ano 2014 respecto do anterior. Para o primeiro cuadrimestre de 2015 obsérvase que o número de operadores medra un 4,13% respecto do ano 2014, sendo esta porcentaxe dun 4,03% nas industrias, e un 4,15% dos produtores, e que a superficie inscrita dispárase por riba das 16.000 hectáreas.
Ano Produtores Elaboradores* Total operadores Superficie inscrita (Has.)
1997 7 4 11 13,35
1998 34 9 43 173,84
1999 67 16 83 181,85
2000 97 18 115 265,00
2001 192 25 217 1.974,36
2002 230 32 262 3.585,31
2003 282 40 322 5.947,68
2004 314 47 361 6.725,60
2005 370 55 425 9.156,36
2006 396 60 456 9.623,46
2007 407 65 472 10.985,03
2008 445 64 510 12.895,37
2009 469 78 547 14.239,01
2010 484 89 573 14.167,74
2011 484 102 586 15.302,93
2012 491 116 607 15.242,40
2013 523 133 656 15.670,85
2014 554 149 703 15.233,10
30/04/15 577 155 732 16.236,75

Tipo de produción

A produción acuícola está moi presente nas dúas principais provincias costeiras: A Coruña e Pontevedra. A produción vexetal ten maior presenza na provincia de Lugo, con 117 operadores, por 100 de Pontevedra, e 66 e 40 para A Coruña e Ourense, respectivamente. “As provincias costeiras son as que loxicamente teñen maior número de inscirtos nos rexistros de acuicultura”, con “parques de cultivo mariño, bateas de mexilón e unha planta de troita arcoiris”, comenta Javier García Lozano, secretario de Craega.
Respecto da produción animal, Lugo, con 101 explotacións, supera por moito ó resto de provincias, seguida por Ourense, con 44; Pontevedra, con 37 e, finalmente, 27 na Coruña. E se observamos as cifras de elaboración e comercialización, Lugo volve ser a primeira por número de operadores, con 50, seguida por Pontevedra, con 41 e A Coruña e Ourense, con 29 e 26, respectivamente.
Datos de operadores no ano 2014 por tipo de produción:
Tipo de produción A Coruña Lugo Ourense Pontevedra Totais
Acuicultura 15 0 0 27 42
Rec.Algas 2 0 0 2 4
Comercializador 2 7 3 4 16
Exportador/
Importador
1 0 0 2 3
Elaboradores 27 43 23 37 130
Prod.animal 27 101 44 13 185
Prod.vexetal 66 117 40 100 323
Totais 140 268 110 185 703

En conclusión,  en 2014 Craega viviu un crecemento do 20,48 % no volume de vendas certificadas en ecolóxico; en valor monetario, 5,3 millóns de euros. As principais producións galegas –se atendemos ao volume de negocio– son os produtos lácteos, pensos e alimentación animal, carne e derivados, conservas de peixe, outros elaborados, ovos e derivados e produtos de recolleita silvestre.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario