O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) decidiu
recoñecer co Premio Iniciativa da
Administración o esforzo da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria, da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e da consultora
Everis pola realización do Estudo sobre os factores influentes na
elección de estudos científicos, tecnolóxicos e matemáticos.
Farase entrega do galardón o
vindeiro 26 de xuño dentro da Noite da Enxeñaría en Informática
de Galicia que organiza cada ano o CPEIG (este 2015 celébrase a
sétima edición).
Segundo
salienta o Colexio, o traballo –que está arestora en proceso de
realización- xorde nun contexto educativo galego no que só “un 9%
dos estudantes universitarios matricúlase en carreiras
científico-tecnolóxicas”, unha situación que en palabras do
CPEIG “cómpre abordar para xerar un cambio que contribúa a
aumentar o atractivo destas carreiras entre as mozas e mozos
galegos”. De aí, desta necesidade mudar o rumbo das cousas e
contribuír a espertar e impulsar máis vocacións científicas e
tecnolóxicas, xorde precisamente a investigación Estudo sobre os
factores influentes na elección de estudos científicos,
tecnolóxicos e matemáticos.
O
traballo, máis polo miúdo, pretende obter unha tripla visión
cualitativa e estruturada sobre tres elementos de interese para
determinar a orixe do problema e os xeitos de emendalo. Por unha
banda, as causas de carencia de vocacións científicas, tecnolóxicas
e matemáticas entre o alumnado galego. Pola outra, o proceso de
elección do itinerario formativo e profesional dos estudantes, os
criterios, momentos críticos, axentes e factores que máis inflúen.
Para rematar, e co punto de vista centrado no futuro, avalíanse as
posíbeis vías de actuación para potenciar estas vocacións e
mellorar o rendemento escolar nestes ámbitos.
Para
a elaboración do traballo partiuse dunha metodoloxía focalizada na
visión que o propio alumnado de 3º, 4º da ESO e 1º e 2º de
Bacharelato nos centros educativos galegos ten sobre os factores que
máis inflúen no momento de elixir o seu itinerario formativo. Con
esa intención trasladóuselle ao alumnado unha enquisa para recoller
as súas percepcións a unha mostra representativa destas/es
estudantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario