luns, 15 de xuño de 2015

O novo modelo de préstamo de libros de texto provoca xa mobilizacións

Seis anos despois de botar por terra o préstamo universal de libros de texto ou, o que é o mesmo, de eliminar a gratuidade dos manuais en todos os centros financiados con fondos públicos, a Xunta vén de instaurar un modelo mixto. En catro cursos de Primaria e dous de Secundaria mantén as axudas parciais á compra de libros. Mentres, en dous niveis de Primaria e noutros dous da ESO elimina os subsidios e lanza o denominado "fondo solidario" de libros de texto, a versión gobernamental dos bancos de libros creados por ANPAS e concellos para, precisamente, paliar os recortes da Xunta que está a indignar a boa parte da comunidade educativa do país.
As ANPAS piden a "inmediata derogación" do novo sistema e "recuperar o de préstamo universal e gratuíto"
As ANPAS reaccionaron con duras críticas á decisión da Xunta. A Confapa esixe "a inmediata derogación" da orde do "banco insolidario de libros da Xunta", así como "máis racionalidade e a sensatez" e insisten en que se recupere "a gratuidade dos libros de texto", que aclara que "conseguira" a propia organización e que "o actual Goberno eliminou". No mesmo sentido se manifesta a Federación de Anpas Galegas, que pide "recuperar o sistema de préstamo universal e gratuíto dos libros de texto e material didáctico adaptado".
Agora, mentres nos cursos que conservan o sistema de subvencións pervive o problema de que estas achegas son insuficientes para cubrir o custo dos manuais, o novo "fondo solidario" crea un novo camiño burocrático que cae fundamentalmente sobre as costas duns centros educativos que, por outra banda, non poderán garantir libros para todo o alumnado que os precise. O novo sistema libera a Consellería de Educación da práctica totalidade dos trámites e, ao tempo, dilles aos colexios e institutos que "poderán solicitar a colaboración da ANPA para realizar as funcións de recollida dos libros de texto, inventario, clasificación e entrega dos lotes de libros", xestión que as asociacións de pais e nais rexeitan por, entre outros aspectos, ter que manexar datos persoais das familias e implicar substituír un labor da Administración.
A Federación de Anpas xa convocou mobilizacións en varias vilas e cidades para o vindeiro luns 15 de xuño
Logo da última xuntanza do curso, a Federación de Anpas foi máis aló e decidiu "mobilizar as comunidades educativas" en diferentes concentracións o próximo luns 15 de xuño, ás 20 horas. Xa hai manifestacións previstas en Cangas, Carballo, Cee, Ferrol, Lugo, Ponteares, Santiago e Vigo, baixo o lema Pola gratuidade dos libros de texto e material escolar.
Ademais, o colectivo insiste en "defender o mantemento dos actuais libros de texto durante o próximo curso 2015-2016, ao considerar que a súa vixencia "está totalmente validada dende o momento en que a Consellería converte en opcional a posibilidade de os cambiar, mentres que os efectos prácticos da súa continuidade suporán un enorme aforro económico para as rendas familiares, e tamén unha medida de sensatez diante da posibilidade de ter que os cambiar novamente nun prazo moi breve se coas novas eleccións de outono volve a cambiar a normativa educativa, tal e como demandan os partidos políticos que agora mesmo conforman a maioría social, segundo os resultados das últimas eleccións municipais e autonómicas".
A Federación de Anpas decide "non participar na organización do 'fondo solidario', por ser unha creación inxusta, insolidaria e unilateral da Xunta"
A Federación de Anpas pide aos equipos directivos, aos claustros e aos consellos escolares dos centros educativos "que apoien esta campaña". "E á vez sumarnos á súa lexítima reclamación de que este deseño constitúe unha sobrecarga de traballo totalmente inasumible para os equipos docentes, di a entidade, que decide "non participar na organización do 'fondo solidario', por ser unha creación inxusta, insolidaria e unilateral da Xunta de Galicia logo de se negar a debater calquera aspecto relacionado cos libros de texto". Pero tamén, segundo aclara a entidade, porque esa participación "implicaría o coñecemento indirecto de situacións económicas particulares das familias que participen nese fondo", algo "totalmente alleo á razón de ser das ANPAS". Os directores xa se amosaran tamén totalmente en contra do novo modelo.
Do mesmo xeito, a entidade advirte que fará "visible o rexeitamento absoluto a este modelo insuficiente e insolidario, mediante campañas on line, acordos das anpas e das federacións, e demandando da sociedade no seu conxunto o seu apoio a este rexeitamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario