Na liña do anunciado despois das eleccións por Alberto Núñez Feijóo, que tras o Consello da Xunta da pasada semana debullou un informe -non implica aprobar medidas novas- sobre o denominado Plan social contra a desigualdade económica, este martes o vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Benestar, Beatriz Mato, presidiron unha reunión sobre ese mesmo proxecto. No marco dese encontro o número dous de Feijóo anunciou que o Goberno prevé "propoñer unha ampliación da exención do pago de medicamentos", isto é, paliar un chisco máis o copagamento aprobado polo Executivo central.
Na liña do anunciado por Feijóo tras as eleccións, Rueda avanza que a Xunta paliará un chisco máis o copagamento farmacéutico instaurado polo propio PP"Agora mesmo non están pagando nada nin os perceptores da Risga nin quen perderon o subsidio de desemprego", di Rueda. Agora, esa "excención total de calquera tipo de copago" chegará tamén "a todas aquelas familias onde os ingresos sexan iguais ou inferiores á contía que determina a percepción da Risga". Este sería o caso, por exemplo, dunha "familia de catro membros" na que só entrasen ao mes "uns ingresos duns 600 euros". "Toda esa xente está agora pagando o 40% dos medicamentos", evidencia.
Os libros de texto
O novo modelo de libros de texto fai convivir o modelo de axudas parciais con outro de préstamo semellante ao que Feijóo eliminouOs anuncios de Feijóo, Rueda e Mato prodúcense apenas dúas semanas de que, non sen controversia, a Consellería de Educación lanzase o seu novo sistema de axudas de libros de texto, no que convivirán os subsidios parciais vixentes dende 2009 co denominado "fondo solidario" de libros. O novo modelo implica retroceder parcialmente o camiño iniciado a pasada lexislatura, cando o gabinete de Feijóo suprimiu o préstamo universal de manuais escolares apelando á atención ás "familias con menos recursos" e tamén á "pedagoxía", xa que segundo asegurou en varias ocasións o propio presidente, resultaba "lóxico" que o estudantado dos centros públicos puidese acumular libros de texto na súa casa e formar unha "biblioteca familiar" con eles.
En virtude das ordes promulgadas a comezos de xuño por Educación o alumnado que recibise as axudas parciais está agora obrigado a entregar no seu colexio ou instituto os libros que comprase con elas. Eses libros pasan a formar parte do "fondo solidario", que no curso 2015-2016 xa funcionará en terceiro e quinto de Primaria e en secundo e cuarto da ESO. Isto acontece sen que a Xunta aclarase, por exemplo, que acontecerá se os libros dispoñibles non chegan para todo o alumnado que os precise e mentres arrecian as críticas da comunidade escolar, moi especialmente das ANPAS, que durante os últimos anos impulsaron bancos de libros para, precisamente, facerlles fronte aos recortes da Xunta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario