Este martes PSdeG e AGE trasladaron á sesión de control do Parlamento o malestar existente no seo da comunidade escolar por mor do novo modelo, que fai convivir as axudas parciais cun préstamo en dous cursos de Primaria e noutros tantos da ESO. O novo préstamo nace inzado de incógnitas por, entre outros aspectos, ser paralelo aos bancos de libros creados polas ANPAS e non garantir, a priori, que os libros chegarán a todo o alumnado que os precise. "Fágalle caso ás ANPAS e repoña o sistema que herdou do bipartito", reclamou Yolanda Díaz. "Vai continuar con este modelo discriminatorio?", preguntou o socialista José Luis Méndez Romeu.
En 2014 a Xunta vetou que o cheque dos libros de texto puidese ser empregado para mercar material escolarAnte as críticas, o presidente asegurou "non entender moi ben" as críticas da oposición ao novo modelo de préstamo -cuxa base é a orde de axudas de 2014- e defendeu, como adoito, as axudas parciais, xa que, afirma, estes subsidios garanten a "gratuidade dos libros de texto" a quen "máis a necesita", mentres que "os ricos" teñen que pagar os manuais. "As familias con menos recursos saben que teñen un aliado en Galicia: o Goberno da Xunta", proclama Feijóo para anunciar unha "liña de axudas para a adquisición de material escolar". Esta "liña", afirma, traducirase nun "cheque de entre 40 e 50 euros para maerial escolar" e "chegará a entre 60.000 e 70.000 alumnos" aos que se "axudará" a mercar material ademais dos libros, "que os teñen gratis", asegura.
Feijóo asegura que o novo subsidio chegará a uns 70.000 estudantes, a metade dos beneficiarios das axudas parciais para librosAlén de que as axudas parciais adoitan non cubrir o custo total dos libros, se o novo "cheque" para material escolar chega, como avanzou o presidente, a uns 70.000 estudantes, isto implica que apenas chegará á metade do alumnado que recibe a axuda para os libros, toda vez que segundo os orzamentos da Consellería de Educación esta beneficia a máis de 140.000 alumnos e alumnas. Mentres, o estudantado que fique fóra do novo cheque seguirá sen poder empregar cartos das axudas dos libros para mercar material escolar, xa que a orde en vigor o prohíbe. Esta, precisamente, veu sendo unha práctica entre as familias que recibiron axudas para libros en anos anteriores, toda vez que podían empregar o cheque da Xunta para material e botar man dos bancos de libros das ANPAS para obter os manuais.
Nestes contexto, a oposición insta o presidente a abandonar o modelo mixto e retornar "a gratuidade absoluta" co préstamo universal, "máis equitativo" e que ademais, subliña Romeu, "custa moito menos". Mentres, o titular da Xunta declárase "sorprendido" polo "plantexamento da nova esquerda". "Por un momento pensei que pertencía ao banco dos conservadores ingleses, pero as cousas poden ser de calquera tipo de plantexamento", di.
Ningún comentario:
Publicar un comentario