A Real Academia Galega dá un xiro cos tres nomes das candidaturas das que, o vindeiro 4 de xullo, sairá a que se lle dedicará o Día das Letras Galegas. Se o pasado ano, a elección de Filgueira Valverde verqueu duras críticas sobre a institución, desta volta, teñen, pase o que pase, as palmas aseguradas.
Sexa quen for das tres candidaturas a que finalmente o vindeiro día 4 acade o maior número de votos de académicos e académicas, o que están asegurados son os parabéns para unha institución que aguantou como puido un ano ensombrecido polo pasado vencellado ao franquismo de Xosé Filgueira Valverde. Calquera dos tres nomes que a propia Academia Galega, nun acontecemento tamén inusual, anuncia como candidaturas presentadas cos avais necesarios ten detrás un amplo apoio social que respaldará a elección que se produza na rúa Tabernas.O profesor, investigador e escritor Ricardo Carvalho Calero é, sen dúbida, o capítulo pendente da Academia. Durante moitos anos, os requirimentos para que se saldase a débeda co profesor sucedéronse e mesmo na pasada edición, Carvalho conseguiu, cando menos, ser valorado no debate final. A defensa de Carvalho Calero do reintegracionismo é o atranco que impide a moitos dos académicos e académicas apoiar unha candidatura que, dalgunha maneira, iría contra a filosofía das normas da propia institución. No último ano, sentíronse xa voces que reclamaban, pola contra, deixar de petar na férrea porta de Tabernas e conmemorar ao profesor máis alá da Academia, convencidas de que aínda non é o momento de que Carvalho Calero a atravese.
Coa memoria tan próxima
"Desta volta, sexa cal sexa a candidatura gañadora, a RAG ten as palmas aseguradas"Canto a Manuel María, o poeta foi xa un dos nomes que se barallaron con forza na anterior edición, cando xa se cumprira unha década da súa morte. O que fora tamén académico tería ao seu favor, alén da súa propia obra, ser un referente da nosa cultura no pasado século, un dos escritores que máis foi cantado e que pode dar máis xogo nos centros de ensino en todos os seus niveis. Por outra parte, non hai que esquecer a condición de Manuel María de activista da lingua e a cultura, condición que se fai especialmente acaída no noso tempo, en especial, nas novas xeracións nas que se está a perder o uso do galego. Finalmente, a figura de Manuel María conta desde hai dous anos coa Casa Museo en Outeiro de Rei, sede da Fundación que leva o seu nome, un centro na Terra Chá que se convertería, de se dar na circunstancia, en lugar de referencia para as conmemoracións durante todo o ano. A propia personalidade do escritor, comprometido, afábel e especialmente sociábel, engade unha virtude máis a súa candidatura, a de ter en activo moitos amigos e amigas, en especial do mundo das letras, que se comprometerían intensamente no seu ano.
Finalmente, da poeta Xela Arias, proposta tamén o pasado ano, tense dito que, cando saíra elexida, podería provocar un ano dinámico como o que resultou cando a Academia apostou por dedicarllo a Lois Pereiro. Xela Arias tería agora tan só 53 anos e converteríase na autora máis nova, en todo caso a de menos tempo entre o seu nacemento e o seu Día das Letras, de se dar o caso. Finada en 2003, a autora converteuse en poeta de culto nas novas xeracións o que, canda a súa condición de tradutora, podería darlle enerxía a unha celebración que amosou no último ano a súa face máis lánguida. Non hai que esquecer que desde o feminismo e, concretamente, desde o feminismo literario, repetíronse ás críticas das poucas veces que a Academia mira para as mulleres para a súa grande data e, sen ir máis lonxe, neste último A Fondo de Sermos Galiza dedicado a Mª Vitoria Moreno, a escritora Susana Sánchez Aríns reivindicaba a figura de Xela Arias para o Día das Letras galegas.
Pase o que pase cando o vindeiro 4 de xullo se reúna o plenario da RAG, a ninguén se lle escapa xa que a institución deu un xiro sobre os seus pés. Cada unha das candidaturas foi xa barallada na pasada edición, mais, desta volta, de todos os nomes que entón se sentiron resisten os tres que máis apoio social poden recibir. Caeron aqueles que, por máis eruditos ou descoñecidos, serían recibidos sen grandes entusiamos e garanten coa súa tripla aposta que o vindeiro sábado haberá palmas no mundo da cultura pola decisión de Tabernas. Sexa cal for.
Ningún comentario:
Publicar un comentario