xoves, 11 de xuño de 2015

"As dificultades para a música en galego son as mesmas que había hai dez anos"

De Sandra Dee a Non podo máis, de Calamar a Tigre, Tigre ou Cen días. En dous Eps e dous discos longos The Homens atesouraron un bo feixe de temas que xa son clásicos do pop en galego. Mesmo crearon, con todo dereito, a etiqueta de Gz Power Pop. Nunha mesa redonda sobre a música galega celebrada en Valga en 2007, no desaparecido festival Artenativa, alguén dixo que a verdadeira importancia de que haxa música en galego partía de algo moi sinxelo: era poder berrar nun concerto de rock "non podo máis", na nosa lingua. Non "I can't stand it anymore", ou "que va a pasar si no puedo soportarlo", senón directamente "Non podo máis".
Volven The Homens, aínda que só sexa por unha noite. A banda reúnese para un único concerto, este venres 12 na Sala Capitol de Compostela, na que será a súa primeira actuación en Galicia dende o 2011. E estarán ao completo, cos seus catro compoñentes: Martin Wu (Voz e guitarra), Le Roi (Baixo e coros), Xocas (Batería) e Cristovo (Teclados), incorporando desta volta as proxeccións e videocreacións de Roi Fernández (Sr. Pause). The Lost Omelette Makers exercerán de teloneiros e haberá tamén festa post-concerto na Reixa. As entradas (a 8 euros a anticipada e 10 na billeteira) poden mercarse nos establecementos composteláns Miranda - cultura para levar e A Reixa Tenda.
O grupo viuse obrigado a disolverse pola marcha a Portugal de Xocas. "O indie é aquilo que che pasa antes de que a vida che pase por riba" -di Martiño (Martin Wu)- "e no noso caso cumpriuse completamente". Martin Wu e Roi botaron a andar Grampoder, que agora vai tomar tamén "un período de descanso". A finais de 2011 The Homens deron, nas Pontes, a súa última actuación en Galicia. "Fixemos algún concerto póstumo, pero fóra. Tocamos nun festival en Sant Feliu de Guíxols (Girona), porque lle debíamos esa actuación. E tamén en Gales, no marco dun congreso da asociación de estudos galegos", lembra. En xullo de 2013 estaba prevista a súa participación nunha sesión vermú en Compostela, canda aos Samesugas, pero o accidente do Alvia obrigou a suspender o evento.
"Esta vez foi Manuel, o cantante de Familia Caamagno o que nos insistiu para facer este concerto" -comenta- "A verdade é que nos apetecía volver ver a moita xente á que adoitabamos atopar cando tocabamos". No concerto aparecerán todos os seus grandes éxitos e, de feito, os seus fans tiveron a oportunidade de decidir o repertorio, a través dunha enquisa online, que encabezou Calamar. "A enquisa recibiu 100 respostas, o que non está nada mal, e non difire demasiado do que nós faríamos. Parece que a xente tiña ganas de recuperar cancións dos primeiros ep's, temas que xa non tocabamos moito na última etapa", di.
"As dificultades son practicamente as mesmas que había hai dez anos. Volvemos a un momento no que non temos ningunha fiestra nos medios na que se poida difundir a música en galego"
A música en galego, como se puido ver coa supresión de Planeta Furancho, pasa por un tempo de obstáculos, coma sempre houbo, aínda que houbo un período -por exemplo cando The Homens publicaron os seus primeiros temas- no que existiu apoio dende as institucións. "As dificultades son practicamente as mesmas que había hai dez anos. Volvemos a un momento no que non temos ningunha fiestra nos medios na que se poida difundir a música en galego", destaca. "Si que houbo un momento no que se puido mostrar o que se facía, e iso coincidiu cun momento de creatividade enorme. Nese tempo, ademais, conseguiuse acabar con certos estereotipos, e viuse que había moita música en galego e, ademais, en moitos estilos distintos", engade.
"Houbo un momento no que se puido mostrar o que se facía, e iso coincidiu cun momento de creatividade enorme. Conseguiuse acabar con certos estereotipos, e viuse que había moita música en galego e, ademais, en moitos estilos distintos"
Martin Wu amósase pesimista: "O que queda agora son pequenas células de xente facendo cousas. Unha precariedade absoluta e, o que é peor, cunha gran falta de demanda, parece que o público mingua". "Avanzouse, pero hai cousas que seguen sen aceptarse. Hai festivais en Galicia que non levan grupos que canten en galego. Dá a impresión de que nos teñen que estabular, que toquemos todos xuntos para que non nos desmandemos, coma se fósemos bestas do monte", critica.
"Ogallá os da música fosen os únicos problemas. O problema é que non lle falen en galego no cole ao meu cativo. Dentro de dez anos non imos quedar os outsiders"
"O certo é que a nós cantar en galego nos abriu moitas portas, conseguimos chegar a certo público que doutra maneira nunca tería mirado para nós. Non nos podemos queixar, porque tocamos mogollón, para moita xente, puidemos pagarnos os discos e quedar sen débedas" -explica- "Pero tamén pasou o contrario, xente que só porque cantabamos en galego xa non lle interesábamos". "Iso si" -remata- "Ogallá os da música fosen os únicos problemas. O problema é que non lle falen en galego no cole ao meu cativo. Dentro de dez anos non imos quedar os outsiders".
Volven The Homens, os seus retrousos, as súas camisetas de raias e os chistes do seu baixista". Volven por unha noite, ola e adeus. Iso si, como eles mesmos cantan: "Vimos contar que isto non é o final, isto é o principio de algo máis: un novo día está por chegar".

The Homens: 'Calamar'

Ningún comentario:

Publicar un comentario