Cousa de tres. O autor ou autora homenaxeada na celebración das Letras
Galegas 2016 sairá da terna formada por Xela Arias, Ricardo Carvalho
Calero e Manuel María. O plenario da Real Academia Galega reunirase o
vindeiro 4 de xullo para escoller o homenaxeado ou homenaxeada. Os tres candidatos xa o foron o pasado ano, nunha votación na que finalmente resultou escollido Xosé Filgueira Valverde.
Xela Arias (Lugo 1962-Vigo 2003) é, ao igual que o
pasado ano, a única muller da relación de propostas. Tradutora e poeta,
Arias estivo vinculada á editorial Xerais dende os seus comezos. A súa
andaina literaria principiou en 1986, ano no que lanzou Denuncia do equilibrio, un poemario innovador co que foi finalista do Losada Diéguez. En 1990 publicou Tigres coma cabalos, obra en colaboración co fotógrafo Xulio Gil. En 1996, publicou Darío a diario. O seu derradeiro libro, Intempériome, viu a luz en 2003. Como tradutora, trouxo ao galego obras de Fenimore Cooper, Fernández Flórez ou James Joyce.
Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña 2004) estreouse na escrita en 1950 con Muiñeiro de brétemas,
título co que se abriu a corrente poética Escola da tebra,
caracterizado pola angustia da época logo da guerra e por unha vertente
social. Pouco despois virían outros títulos seus como Morrendo a cada intre, Advento ou Mar maior.
Ademais da poesía, Manuel María cultivou o teatro, o ensaio e a
narrativa e, ademais, trátase, a día de hoxe, dun dos autores máis
musicados en Galicia
E que máis se pode dicir de Ricardo Carvalho Calero? O
ferrolán foi membro numerario da propia RAG, contribuíu á redacción do
Estatuto de Autonomía do 1936, interveu na creación do Partido
Galeguista, foi represaliado polas súas ideas republicanas, sufriu o
cárcere e estivo longos anos apartado da función pública e foi o
primeiro catedrático de Linguística e Literatura Galega da USC. Alén
diso, conta cunha completa e moi recoñecida en todo o mundo obra
literaria, tanto en poesía, coma en narrativa (por exemplo o seu
brillante Scórpio), coma en teatro e por suposto en ensaio,
sobre todo no campo da lingüística. Para completar a forza desta
candidatura, Carvalho foi o gran pensador do reintegracionismo
lingüistico, o que para algúns é a principal razón para non ter sido
recoñecido ata agora nas Letras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario