Impartiranse 48 graos -33 en Santiago e 15 en Lugo-, tres títulos propios, 20 cursos ponte, 63 másteres e 54 programas de doutorado.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou este xoves a súa oferta académica para o próximo curso 2015/2016, no que, como novidade, a institución estreará oito titulacións dobres, unha cuestión que tiña "demanda social", segundo explicou o reitor, Juan Viaño.En concreto, os graos dobres que se implantarán o próximo curso en Santiago serán os de Bioloxía-Química, Comunicación Audiovisual-Periodismo, Dereito-Relacións Laborais, Enxeñaría Informática-Matemáticas, Física-Matemáticas e Física-Química; mentres que en Lugo comezarán a andar os de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria-Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Civil-Enxeñaría Xeomática e Topográfica. As titulacións dobres arrancarán cun "número de prazas reducido" de entre 10 e 20.
Por outra parte, de cara ao próximo curso, a USC ofertará 48 graos -33 en Santiago e 15 en Lugo-, tres títulos propios, 20 cursos ponte, 63 másteres e 54 programas de doutorado.
O período de matrícula, que deberá realizarse por Internet, comezará coa preinscrición -anticipada ou ordinaria-, que concluirá o 3 de xullo. A preinscrición para titulados estenderase do 13 ao 30 de xullo e o primeiro prazo de matrícula ordinario será entre o 15 e o 17 do mesmo mes.
As clases do primeiro semestre comezarán o sete de setembro e concluirán o 22 de decembro, mentres que o segundo irá do 25 de xaneiro ao 13 de maio de 2016. Os exames desenvolveranse do 8 ao 23 de xaneiro e do 16 ao 31 de maio, cunha segunda oportunidade do 23 de xuño ao 11 de xullo.
GRAOS
En canto aos 48 graos ofertados, 18 estarán no campo das Ciencias Sociais e Xurídicas, 10 no de Humanidades, nove no de Ciencias da Saúde, sete no de Enxeñaría e Arquitectura e catro no ámbito das Ciencias.
Entre as titulacións que ofertarán máis prazas en Santiago para o próximo curso están Medicina -360-, Farmacia -200-, Administración e Dirección de Empresas -200-, Dereito -170-, Psicoloxía -150-, Enfermaría -150- e Economía -150-. No campus de Lugo só superan o centenar de prazas ofertadas Administración e Dirección de Empresas -125- e Veterinaria -110-.
En contraposición, os graos que ofertan menos prazas en Santiago son Comunicación Audiovisual -40-, Filoloxía Clásica -50-, lingua e literatura española e galega -50 cada unha- e Odontoloxía -50-. En Lugo destacan Lingua e Literatura Españolas -con 25 prazas- e Ciencias da Cultura e Difusión Cultural -con 40 prazas máis outras 25 en modalidade semipresencial-.
TÍTULOS PROPIOS
Por outra parte, a USC ofertará o próximo curso un total de 243 prazas distribuídas nos seus tres títulos propios.
En concreto, o Diploma Superior en Ciminoloxía, que abrangue tres cursos, contará con 125 prazas; o Diploma Superior en Xestión Hoteleira, de catro cursos, 100; e o Grande Diploma en Especialización Orquestral, dun curso, terá 18 prazas.
A maiores, o campus de Santiago de Compostela contará con 9 cursos ponte, nos ámbitos de Administración e Dirección de Empresas, Educación Social, Enfermaría, Enxeñaría Química, Mestre de Educación Infantil e de Primaria, Óptica e Optometría, Relacións Laborais e Recursos Humanos e Traballo Social.
O campus lucense, pola súa banda, impartirá 11 cursos ponte, en Administración e Dirección de Empresas, en Enfermaría, en Enxeñaría Agrícola, en Enxeñaría Civil, en Enxeñaría de Procesos Químicos e Industriais, en Enxeñaría Xeomática e Topografía, en Enxeñaría Forestal, en Maxisterio de Educación Infantil e Primaria e en Relacións Laborais.
MÁSTERES
Segundo informou Juan Viaño, no curso 2015/2016, o campus de Santiago impartirá 53 másteres, mentres que o de Lugo acollerá 10.
Por áreas, 19 corresponderán ao ámbito das Ciencias Sociais e Xurídicas, 14 ao de Ciencias da Saúde, 11 ao de Artes e Humanidades, 10 ao de Enxeñaría e Arquitectura e nove ao campo de Ciencias.
Segundo explicou Juan Viaño, os datos da USC tras a implantación dos graos apuntan a que en torno ao 20 por cento dos graduados decide facer un máster.
Finalmente, o reitor ha feito referencia aos 54 programas de doutorado previstos para o próximo curso, 10 de Artes e Humanidades, 12 de Ciencias, 14 de Ciencias da Saúde, 11 de Ciencias Sociais e Xurídicas e sete do campo da Enxeñaría e a Arquitectura.
ESTUDANTES
Durante o curso 2015-2015 matriculáronse na USC para iniciar os seus estudios un total de 6.441 alumnos, dos que 5.385 fixérono no campus de Santiago e 1.056 no de Lugo. Destes, a maior parte cursaron graos -4.494-, mentres que 1.354 comezaron un máster e 593 un programa de doutorado.
A Universidade de Santiago albergou o pasado curso 27.534 estudantes matriculados, 23.093 deles en Santiago. Por tipo de estudios, 19.723 cursaron graos, 2.899 programas de doutorado, 2.039 másteres, 1.081 programas de intercambio e 1.792 atopaban aínda cursando plans vellos.
Por xénero, o 61,93 por cento dos alumnos da USC durante o curso 2014/2015 foron mulleres, mentres que o restante 38,07 por cento foron homes.
Juan Viaño informou de que na USC hai estudantes de todas as provincias españolas e, por comunidades, son Asturias e Castilla-León as que teñen maior presenza -337 e 336 estudantes, respectivamente-. Por países, a representación máis numerosa é a de Portugal -500 alumnos-, seguida por México -300-, Italia -máis de 200-, Brasil -case 200- e China -que supera os 130-.
Dos alumnos coas 433 mellores cualificacións das Probas de Acceso á Universidade -un nove ou superior-, o 50 por cento matriculáronse na Universidade de Santiago de Compostela, unha institución que ten, ademais, os graos coas notas de corte máis altas de Galicia -como Medicina, Odontoloxía ou Veterinaria-.
SITUACIÓN FINANCEIRA
Preguntado acerca da situación financeira da USC, Juan Viaño asegurou que a institución segue o plan de equilibrio deseñado de xeito "estrita" coa "esperanza" de que esta sexa a vía para "saír airosos desta situación.
Ao mesmo tempo , e tras recordar que está aberto o debate do novo financiamento universitario, considerou que esta é "moi insuficiente" e apostou por que se financie ás universidades polo que "fan ben" e que o que non se fai "tan ben" se poida reconducir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario