O Movemento Galego de Saúde Mental alerta de que a asistencia sanitaria non está garantida como dereito. “Non se están achegando os coidados nin a atención adecuada”, denuncian.
A taxa de suicidios en Galiza segue a crecer e sitúase entre os territorios do Estado con maior número de mortes autoprovocadas. O Movemento Galego de Saúde Mental, unha plataforma cívica que agrupa profesionais e usuarias, alertou de que a taxa supera en catro puntos á media estatal e rexistrou un notable aumento entre 2007 e 2014.
O pasado ano foi a causa de morte de 394 persoas no país,
segundo datos do Instituto de Medicina Legal de Galiza (Imelga). Un
total de 14 casos por cada cen mil habitantes, dous puntos máis que en
2013. “As cifras gardan relación coas actuais circunstancias
económicas”, sinalaron nun comunicado, mais advirten de que “non se
están achegando os coidados nin a atención adecuada á nosa poboación”.
Así, denunciaron que a asistencia sanitaria en saúde mental non está garantida como dereito
e criticaron a falta de medios para atallar “a grave situación”. Estas
foron algunhas das conclusións da xornada realizada polo Movemento este
sábado na Facultade de Psicoloxía da USC.
No 90% dos casos de suicidio existían trastornos mentais, polo que insisten na necesidade de prevención.
“Un 43% das persoas que se suicidaron estiveron en contacto con Atención Primaria,
mentres que o 29% estívo en unidades de saúde mental”, apuntou Benito
López de Abajo Rodríguez, médico forense e xefe de servizo de Clínica
Médico Forense do Imelga, segundo recolle o comunicado. As guías de
práctica clínica internacionais mostran que a depresión maior é o
trastorno mental máis comunmente asociado á conduta suicida, e que no
90% dos casos de suicidio existían trastornos mentais.
Por ese motivo, insistiron en que “o suicidio pode
previrse”. Nese sentido, a enfermeira especialista en saúde mental,
Amparo González García, recordou que o suicidio é xa un problema de saúde pública.
Relatou a súa experiencia no Programa de Intervención Intensiva en
Conduta Suicida no Complexo Hospitalario de Ourense, único destas
características en Galiza, e que atendeu a máis de 850 persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario