Tras varios anos de loita sen cuartel
contra as políticas do impresentable Ministro Wert, hoxe chéganos a
noticia de que os seus días á fronte do Ministerio de Educación chegan á
súa fin. Non se trata, como queren facernos crer, dun cesamento nin dun
cambio inocuo. Nestes anos de intensa mobilización desenmascaramos a
verdadeira preocupación do ministro: intentar destruír a educación
pública fose como fose, para abrir as portas de par en par aos que
pretenden facer da educación un suculento negocio para uns poucos en
lugar dun dereito para todos.
Nunca antes un Ministro de Educación
lograra conquistar a este nivel o odio de tantos millóns de estudantes,
pais e profesores. Centos de miles que saímos de xeito constante á
mobilización en defensa da nosa educación, a educación pública. Iso é o
que explica que agora o PP cando se ve ante as peores perspectivas
electorais da súa historia teña que desfacerse a toda présa de quen mes
tras mes, durante case catro anos, foi valorado como o peor ministro
dende a caída da ditadura.
A contrarreforma franquista da educación
- LOMCE-, o despedimento de 32.000 profesores da educación pública, o
recorte nas bolsas, a salvaxe suba das taxas universitarias ou a
imposición do 3 +2 foron algunhas das medidas estrela do Ministro Wert.
Todas estas medidas perseguían un único obxectivo: reducir o
investimento na educación pública para poder utilizar unha parte
significativa dos presupostos educativos en salvar bancos ou facilitar
as amnistías fiscais aos grandes defraudadores.
Todas as contrarreformas educativas
impulsadas polo Partido Popular teñen un nexo común, poñen os medios
necesarios para expulsar os que provimos de familias humildes e
traballadoras do sistema educativo o antes posible. Deste xeito tratan
de xustificar e continuar cos recortes, á vez que se limita a
cualificación académica que podemos obter.
Así nos quere o PP: sen formación e
desarmados para que o día de mañá teñamos que aceptar calquera condición
no mercado laboral. Para que aceptemos sen oposición o abaratamento do
despedimento e a precarización das condicións de traballo. Queren que á
universidade só poidan acceder as elites, os fillos dos ricos, igual que
acontecía nos anos da ditadura. Queren para os seus fillos os bos
postos de traballo e os bos salarios. Para nós, a inmensa maioría,
preparan a precariedade, para que así uns cantos poidan seguir facéndose
ricos a custa da nosa explotación.
Todos os ataques do Ministro Wert
danaron seriamente a educación pública: recortes nos nosos centros de
estudo, falta de recursos, profesores despedidos, centos de miles de
nenos sen bolsas de libros e comedor ou estudantes universitarios
expulsados da universidade por non ter diñeiro: ese é o saldo que nos
deixa este Ministro. E ese é o motivo tamén de que se convertese no
ministro peor valorado da Historia. Atacar con tanta virulencia a
educación pública, unha das conquistas máis sentidas entre os
traballadores, non podía lograr outro resultado que o de granxearlle o
odio xeneralizado de todos os que sufrimos as consecuencias das súas
políticas.
A resposta da xuventude nas
mobilizacións en defensa da educación pública e contra as políticas de
Wert foi tremenda: 20 xornadas de folga convocadas polo Sindicato de
Estudantes dende que Wert se puxo á fronte do Ministerio lograron
convertelo nun auténtico cadáver político. Por iso agora que o PP se ve
en apertos, cuns resultados electorais nas municipais e autonómicas que
anticipan a súa saída inminente do goberno nas próximas eleccións,
tratan de dar un novo rostro ao executivo, e para facelo non lles queda
máis remedio que soltar lastre botando un dos ministros que peor fama
fixo gañar a este goberno. Por iso dicimos que a Wert botámolo nós! Os
estudantes, os profesores e pais que saímos á rúa a pelexar de forma
incansable! Unha vez máis demóstrase como loitar si que serve, que si se
pode e que a loita é o único camiño para conseguir as nosas demandas. O
Partido Popular é moi consciente do impacto que a loita educativa tivo
durante todo este tempo na conciencia de millóns de persoas, por iso non
lle queda máis remedio que dunha patada quitarse de diante o antes
posible a José Ignacio Wert.
Dende o Sindicato de Estudantes
felicitamos todos os pais, profesores e estudantes que participaron das
mobilizacións da Marea Verde porque ese é o único motivo real que
explica que por fin nos librásemos deste ministro franquista. Pero a
loita non remata aquí. Igual que botamos a Wert, imos lograr botar atrás
a LOMCE, unha lei que naceu morta e que tampouco poderá rematar de
implantarse grazas ás mesmas mobilizacións. Non queremos a outra cara á
fronte do Ministerio para que aplique as mesmas políticas e defenda os
mesmos intereses. Imos continuar a loita ata que nos libremos non só
deste ministro infame senón deste goberno de pesadelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario