luns, 29 de xuño de 2015

Os galegos, entre os que máis gastamos na factura do móbil: 24 euros mensuais

A compañía española Weplan, da que falamos recentemente para dar conta dun estudo de seu no que se amosaba a cantidade de cartos que se perden en facturas de teléfono mal axustadas (unha media de 263 euros ao ano por usuario), vén de presentar máis datos sobre o devandito relativos desta volta ao mercado galego. Segundo fai saber o Primeiro Estudo de Aforro en Tarifas Móbiles feito por Weplan, os usuarios de dispositivos da nosa terra estamos á cabeza do Estado en gasto na factura do móbil: até 24 euros mensuais. Esta cifra, sinala Weplan, reduciríase en 15 euros con só mudarmos de tarifa.
Por cidades, Ourense é a que atesoura os usuarios con “peor ollo para elixir tarifa”, sinálase no estudo, sendo o aforro posíbel de 18 euros mensuais. Ademais, os ourensáns son os que menos minutos falan ao mes, estando no outro extremo da comparativa os cidadáns de Pontevedra, que é a capital galega na que “mellor se elixe a modalidade móbil de consumo” e, en consecuencia, a que amosa menor marxe de aforro potencial (só 12 euros).
Na investigación sinálase que Ourense e A Coruña están á cabeza en gasto móbil cunha media de 26 euros mensuais. No lado oposto, Pontevedra e Lugo son as capitais galegas que máis aforran na súa factura móbil cun gasto de 23 e 25 euros de media, respectivamente. O estudo revela que os coruñeses falan polo móbil unha media de 92 minutos ao mes, e os pontevedreses 102 minutos (están á cabeza de Galicia). As cidades que menos tempo pasan ao teléfono son Ourense (63 minutos) e Lugo (88 minutos).
En canto ao consumo de datos móbiles, Pontevedra é a capital galega na que máis se navega desde o dispositivo intelixente, cunha media de 916 MB ao mes, seguida de Lugo (790) e A Coruña (572). A media de Ourense é de 319 MB, sendo a capital galega onde menos se navega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario