martes, 9 de xuño de 2015

Catro de cada dez contratos laborais en Galicia duran menos dun mes

Saíndo por onde entramos. Mentres sectores como a construción ou os servizos sustentan as leves baixadas do desemprego en Galicia dos últimos meses, os datos de contratación deixan unha escasa marxe á esperanza de que a publicitadísima e suposta recuperación da economía real traia consigo maior estabilidade no emprego que a que había nos anos da burbulla inmobiliaria e as alegrías crediticias. Os datos da Consellería de Traballo e do Servizo Público de Emprego estatal amosan ás claras que os contratos máis precarios e inestables están afianzarse como maioritarios no mercado laboral galego mentres os de maior duración e os indefinidos son practicamente tan escasos como antes do inicio da crise.
Unha ollada polo miúdo aos datos de emprego difundidos a pasada semana, caracterizados no caso galego polo gran peso da temporalidade, permite comprobar que máis do 40% dos contratos iniciais asinados durante o pasado maio tiñan menos dun mes de duración. Esta proporción, lonxe de ser unha foto fixa máis ou menos anecdótica, responde a unha tendencia que se prolonga no tempo e que provoca, por exemplo, que nos últimos períodos estivais ou de Nadal os contratos por menos dun mes fosen a metade do total.
Os contratos de menos dunha semana son un terzo do total e os indefinidos mantéñense no 5%
Descendendo un pouco máis ao detalle o panorama non é menos preocupante, toda vez que a contratación de menor duración, a de menos dunha semana, convertéronse o pasado maio nos máis numerosos, un fenómeno que gaña frecuencia nos últimos anos, segundo as bases de datos do IGE. Así, no último mes asináronse en Galicia 22.732 contratos por menos de sete días. Son un terzo do total e superan en número os contratos temporais de duración indeterminada, que adoitan corresponderse coas contratacións por obra e servizo, habitualmente as máis frecuentes en Galicia. Mentres isto sucedía a contración indefinida seguía estancada no 5% do total e era lixeiramente inferior á do mes anterior e tamén á de hai un ano.
A preponderancia do traballo precario e inestable é tamén clara ao atender a outro dos indicadores básicos do mercado laboral, o das modalidades de contratación, e ao abrir un chisco máis o foco temporal, ampliándoo á última década. Neste caso os datos procesados polo IGE amosan que os contratos eventuais e de obra e servizo -iniciais e renovacións- xa se recuperaron da caída dos últimos anos e no pasado 2014 acadaron niveis semellantes aos do ano 2007, isto é, anteriores ao considerado como inicio da crise económica. Foron, nomeadamente, uns 332.000 contratos eventuais e uns 277.000 de obra e servizo, cifras case iguais ás de sete anos atrás.
Mentres a contratación eventual e por obra e servizo se recupera, a indefinida é aínda máis minoritaria que antes do estourido da crise. Así, mentres que no ano 2007 se asinaron no país 48.700 contratos indefinidos no 2014 rexistrouse case un 20% menos. O dato máis recente de contratos por modalidades indica que entre contratacións novas e conversións houbo en Galicia 3.376 contratos indefinidos, cifra que, neste caso, si supera á do mesmo mes do ano 2007, cando se asinaran 2.608.

Contratos iniciais en Galicia segundo a súa duración

Selecciona 'stack percentages' para obteres os valores porcentuais
CC BY-SA Praza Pública

Ningún comentario:

Publicar un comentario