martes, 9 de xuño de 2015

O colexio de Vilatuxe reclama ao Concello un bedel que cumpra coas súas funcións

Dirección e ANPA alegan que o traballador municipal acumula faltas reiteradas e baixas -Hai outra persoa contratada, pero non está dispoñible a xornada completa de mañá.

Dirección e ANPA do CEIP Vicente Arias da Maza, de Vilatuxe, urxen ao concello que dote ao centro dun conserxe que asuma as funcións propias a este posto. Nun comunicado remitido ao executivo lalinense, que tamén se trasladará a nova corporación, explican que o traballador enviado hai dous anos -director da escola municipal de teatro- acumula durante este tempo "faltas reiteradas" ou baixas, cuestións que impiden ao colexio contar cun servizo básico.
A directora, Teresa Aller Alonso, engade que o bedel abandonou o seu posto a semana pasada supostamente por decisión do goberno en funcións, desposuíndo ao colexio dun servizo que agora están a prestar durante algunhas horas do día os propios profesores. "É un centro pequeno e na maior parte do horario lectivo non hai profesorado libre para coller o teléfono ou abrir a porta", comentan desde a dirección. A ANPA engade que mesmo a propia directora ou os mestres dos 76 alumnos deben atender polas mañás a provedores ou outras cuestións cando deberían estar a impartir clases. Os pais relatan que o traballador enviado polo concello hai dous anos nunca cumpriu totalmente coas súas obrigacións e mesmo propuxo impartir aulas extraescolares de teatro dentro da súa propia xornada laboral como bedel. Quizá para reforzar este servizo, o Concello enviou a Vilatuxe a unha contratada dun plan provincial, pero a súa xornada laboral non comeza ata as 10.30 horas. É dicir, durante unha hora e media non hai ninguén para atender o colexio. "Esta moza fai os labores de conserxe, é moi eficiente, pero temos parte da xornada sen bedel". O monitor de teatro, concretan os pais, tiña unha xornada laboral que debía comezar ás 9.00 e rematar ao redor das 15.00 horas. Así as cosas dirección e ANPA piden ao goberno local que nomeen un conserxe que cubra toda a xornada lectiva e que realice con seriedade as funcións correspondentes a este posto. E lembran que durante o verán a Xunta acometerá obras de renovación da cociña ou os aseos, por iso é importante que haxa un bedel que estea ao tanto do proxecto.
Emerxencias
Outra das cuestións que preocupan aos pais de Vilatuxe é a seguridade do centro. Distribuído en dúas plantas, precisa unha escaleira ou acceso na parte de arriba para que, en caso dunha emerxencia, póidase desenvolver un plan de evacuación do alumnado con normalidade.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario