xoves, 11 de xuño de 2015

Investigadores da USC cuantifican o impacto socioeconómico do sector eólico en Galicia

Destacan a relevancia do sector galego ao PIB no período 2000-2010 e a súa menor contribución á creación de emprego.

Os investigadores do Departamento de Economía Aplicada da USC Pedro Varela Vázquez e Carmela Sánchez Carreira acaban de publicar un artigo sobre o impacto socioeconómico do sector eólico en Galicia na prestixiosa revista internacional Renewable and Sustainable Energy Reviews. Esta publicación ten un alto impacto no Science Journal Report, sendo a sexta da súa categoría.
 
O traballo ‘Socioeconomic impact of wind energy on peripheral regions’ permite coñecer a incidencia do sector na economía galega, ademais de constituír un modelo de análise para rexións periféricas con estruturas produtivas semellantes. Os autores desenvolven unha nova metodoloxía que permite cuantificar o emprego e a achega ao PIB, diferenciando as actividades permanentes das temporais. Asemade, presenta como novidade a adaptación da cadea de valor do sector eólico ás singularidades da economía galega. O estudo baseouse na análise input-output, incluíndo melloras metodolóxicas.
 
Os resultados destacan a relevancia do sector eólico galego ao PIB no período 2000-2010 e a súa menor contribución á creación de emprego aínda que as actividades máis beneficiadas son as industriais e a rama de produción de electricidade. Tamén se observa un efecto indirecto relevante nas actividades relacionadas coa I+D. Os investigadores tamén apuntan que a inestabilidade normativa sectorial e a crise económica causaron un retroceso no sector.
 
Os autores pertencen ao grupo de investigación Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento (ICEDE) dedicado á análise da innovación e que é considerado grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. Ambos investigadores completaron a súa formación no centro de investigación da Universidade dinamarquesa de Aalborg especializada no estudo da innovación e especialmente centrada na enerxía eólica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario