martes, 9 de xuño de 2015

Un debate anacrónico (libros de texto)

Cando a Xunta de Galicia nos chamou para ter unha conversa sobre os decretos de axudas para a adquisición de libros de texto e para o fondo de libros solidario que se ían implementar este ano, a impresión que levamos era que todos os nenos ían, por fin, ter libros. Non sería de hoxe para mañá e faría falta colaborar solidariamente enchendo ese fondo solidario con máis libros dos que as familias recibiron coas axudas do ano pasado. Pero ben valía a pena o esforzo se cada centro tiña, dende ese momento, o seu propio banco de libros para atender o seu alumnado.
Pero a chegada da letra impresa das ordes correspondentes publicadas no DOG o 1 de xuño supuxo un deses golpes que esperta a un dun doce soño. Tal como está implantado e pensado este fondo solidario de libros imos camiño do desastre, por moitos motivos. Dende o incumprimento dos prazos legais para evitar que o proceso administrativo se prolongue nos períodos de vacacións dos equipos docentes, ata a insensibilidade para non ter en conta os desempregados de longa duración na orde. No entanto, o defecto capital, a liña vermella que traspasou a Administración é o tratamento desigual dunha familia dependendo de se pode acollerse á orde de axudas ou á orde do fondo de libros. No primeiro caso, dado un nivel de renda por unidade do núcleo familiar, o sistema garante unha cobertura mediante un cheque para adquirir libros. Pero co mesmo nivel de renda, esa familia pode quedar sen os libros de texto. Esta situación é, simplemente, inaceptable. E revela, ou ben a incapacidade da Administración de poñer a proba o seu sistema e ver que posibilidades hai de que unha familia quede sen a cobertura do fondo de libros antes de publicala no DOG, ou algo moito peor, a incompetencia e a falta de interese auténtico pola educación dos futuros cidadáns.
E, ademais, este debate é un debate vello, fóra de lugar, anacrónico, que os avances tecnolóxicos deixaron obsoleto, pero que unha lei decimonónica e unha Administración inadaptada nos serven como se fose un prato de Ferrán Adriá. En primeiro lugar se ten que haber libros estes teñen que ser libres de copyright e dereitos de autor, para que fotocopiar as táboas de multiplicar non sexa un delito contra a propiedade intelectual. Pero o debate actual, ese que rexeita a Administración, é se o libro segue sendo o vehículo principal para transmitir coñecemento, nun mundo no que toda a información está á distancia dun click, e no que a competencia fundamental xa non é ter unha memoria enciclopédica senón saber buscar, contrastar, seleccionar e relacionar a abundantísima información dispoñible.
Nese contexto existen movementos extraordinarios, que se alimentan dos enormes coñecementos volcados en plataformas de código aberto, máis que testados e validados. Por exemplo, a plataforma Open Education, que promove un fondo dixital de material educativo elaborado colaborativamente (ao modo da Wikipedia) que presenta enormes vantaxes sobre os medios tradicionais: gratuidade total, acceso universal sen custos de distribución, liberdade para copiar, reelaborar e distribuír, adaptación local, actualización permanente, e xeración dunha cultura no que o valor de compartir o coñecemento convértese no eixo vertebrador e no que a colaboración entre colectivos de todo o mundo serve de ferramenta para alumear un futuro mellor.
Estes contidos pódense empregar de moitos xeitos. Dende as impresións caseiras, pasando polas fotocopias, ata o seu volcado en soportes dixitais: tablets, ebooks, libros dixitais, etc. Neste aspecto seguimos acumulando un vergonzoso atraso, cun programa Abalar de implantación escasa, que emprega textos protexidos con DRM de imposible modificación ou actualización, e que marxina todas as vantaxes da dixitalización das aulas, empregando o medio dixital como se fóra un medio analóxico en pantallas táctiles.
Hai anos todos dicían que a Wikipedia era unha obra irrelevante dun grupo de ilusos, visionarios sen oficio. Tamén dicían que se non se cobra, quen vai escribir artigos de valor e calidade? E preguntaban que se é gratuíta como se vai soportar a súa infraestrutura tecnolóxica? Hoxe as enciclopedias desapareceron da nosa vida, incapaces de actualizarse e superar en valor a aquela enciclopedia gratis de internet, xa ninguén recorda a aqueles vendedores que ían porta a porta con aqueles tomos que collían po nos andeis, e non se discute a calidade dos artigos alí escritos, algúns redactados por recoñecidos premios Nobel. Agardemos que dentro dun tempo o noso recordo dos libros de texto sexa algo semellante.

http://www.farodevigo.es/opinion/2015/06/07/debate-anacronico/1255302.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario