Teñen as novas
tecnoloxías potencial para o ensino das matemáticas? A xuízo de
Maria João Valente da Silva Couto, docente da devandita materia en
Portugal, a resposta é totalmente afirmativa, aínda que con matices
e convidándonos sempre a nós mesmos a emendar as eivas provocadas
por un uso incorrecto das mesmas. Así o deu a coñecer, afondando na
cuestión e achegando probas e experiencias, na súa tese As TIC
como recursos didácticos na aprendizaxe da matemática no Ensino
Secundario, dirixida pola profesora Carmen Ricoy. A
investigación, presentada
recentemente na Facultade de Ciencias da Educación do Campus de
Ourense, xorde directamente da experiencia de Valente de Silva
como docente de matemáticas no país irmán e, tamén, como
investigadora en innovación educativa.
A tese foi financiada
cunha bolsa de doutoramento da Fundação para a Ciência e a
Tecnologia de Portugal, e desenvolveuse entre os anos 2010 e 2015.
Segundo fai saber Valente da Silva, “o obxectivo foi coñecer e
analizar os puntos fortes, os febles, as oportunidades e as ameazas
que condicionan a integración das TIC como recurso didáctico na
disciplina de matemáticas no Ensino Secundario”. Para acadalo,
empregou “unha metodoloxía mixta”, cun inquérito dirixido ao
alumnado no que participaron 774 persoas; entrevista a 70 profesores
de matemáticas e grupos de discusión con 83 alumnos e alumnas de
Ensino Secundario do Norte de Portugal. A análise, entre outras
cousas, amosou como puntos fortes a accesibilidade aceptábel aos
equipamentos TIC, o uso estendido destas tecnoloxías en contextos
non escolares, o potencial didáctico recoñecido por estudantes e
mestres e a motivación que espertan no alumnado. Polo que respecta
aos puntos febles ou eivas, a investigadora apunta ás distraccións
que supoñen un uso non axeitado das TIC e, tamén, o traballo extra
que representa o emprego das ferramentas dixitais para o profesorado.
Porén, malia as debilidades atopadas, “recoñécense as
oportunidades de traballo colaborativo, o potencial de aprendizaxe en
liña, os beneficios do aprendizaxe autónomo e o interese polo
software matemático e a videoconferencia”.
En canto ás
ameazas, a investigación apunta ás seguintes: a pouca influenza do
uso das TIC nos resultados académicos da disciplina, a falta de
aspiracións persoais do alumnado e as desigualdades no acceso e uso
destas tecnoloxías condicionadas por variábeis sociodemográficas.
Entre estas ameazas tamén se inclúen “o escaso emprego educativo
destes recursos, sendo aínda predominantes os libros de texto e as
fichas de traballo; a metodoloxía da ensinanza empregada; o plan de
estudos do centro cando non promove o uso deste tipo de materiais
educativos e a pouca importancia dada por algúns profesorado e
alumnado ás ferramentas dixitais”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario