O 30 de xuño, na
Cidade da Cultura de Galicia (Santiago), toca falar de videoxogos. E
facelo seriamente, aínda que semelle unha contradición. A isto, e a
debater sobre as diversas posibilidades que ofrece este tipo de lecer
dixital no ensino e na comunicación, nos convida a xornada Xogar
tamén é cousa seria. Experiencias na creación de videoxogos en
Galicia. A cita será no
auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e vén da man da
Secretaría Xeral de Cultural co apoio de AGADIC e do IGAPE. A
intención da xuntanza, que conta con Imaxin en labores de
coordinación, é achegar un espazo para compartir experiencias
creativas de empresas e administracións que tiran partido dos xogos
dixitais para mellorar os seus servizos.
Máis polo miúdo, no
evento amosaranse en detalle diferentes experiencias de lecer dixital
levadas a cabo nas máis variadas contornas e con obxectivos ben
dispares: produtividade empresarial, incremento de vendas, impulso á
formación, melloras na saúde e no ensino, etc. Ao fío disto, boa
parte da xornada orientarase a achegar a industria do videoxogo en
Galicia a ámbitos onde non se xoga pero que amosan potencial de
abondo como para acubillar actividades desta índole.
A iniciativa, que tamén
abordará a situación actual e futuro dos videoxogos en Galicia,
está dirixida especialmente a xerentes, directores, responsábeis de
departamentos de comunicación, de recursos humanos ou de publicidade
de empresas de Galicia, así como a persoal das administracións
públicas, responsables de centros de formación, grupos de
investigación ou novos emprendedores de solución tecnolóxicas
interesados en coñecer e afondar na potencialidade da tecnoloxía
dos videoxogos.
Segundo informa a
organización, na xornada presentaranse recursos destinados ao eido
sanitario, con programas para exercitar a cognición social e
informar sobre hábitos sexuais saudábeis; ao educativo, con
ferramentas vinculadas coa reciclaxe e o cambio climático; ou ao
empresarial. Ademais, tamén haberá unha mesa redonda onde
profesionais de Ficción Producciones, de Iberian Games, de A Meiga e
de imaxin|software ofrecerán a súa visión desde o punto de vista
dos desenvolvedores. O programa da xornada, coordinada por Imaxin,
está accesíbel na
páxina web da Secretaría Xeral de Cultura e a inscrición é de
balde, a través do enderezo electrónico videoxogos@imaxin.com.
O programa
9:15 h Recepción de
asistentes
9:30 h Apertura e
presentación
9: 45 h Sanidade:
e-motional training. Alejandro García Caballero, psiquiatra
do Hospital de Día Complexo Hospitalario Universitario Ourense
10:15 h Reciclaxe: os
xogos de SOGAMA. Teri Campos Mosquera, responsábel de comunicación
de SOGAMA.
10:45 h Experiencias
en empresas. Silvia López Gómez, pedagoga especialista en
videoxogos e investigadora da USC
11:15 h Educación:
videoxogo CLMNTK. Francisco Sóñora, director do proxecto
Climántica
11:45 h Pausa-café
12:15 h Redes sociais:
Sex Invaders. Cristina Márquez Riveras, técnica do plan
galego anti VIH-SIDA e outras infeccións de transmisión sexual
12:45 h Mesa redonda:
a visión dos desenvolvedores. Julio Casal, Ficción Producciones.
Xosé Manuel Rey Piñeiro, Iberian Games. Ismael Faro, A Meiga.
Modera: Luz Castro, imaxin|software
13:45 h Conclusións
da xornada
Ningún comentario:
Publicar un comentario