xoves, 11 de xuño de 2015

Miles de sinaturas en demanda do uso gratuíto dos materiais audiovisuais no ensino

Concentración de delegad@s da CIG-Ensino perante a Consellería para exixir a derrogación da circular que impón restricións neste eido.

Delegad@s da CIG-Ensino protagonizaron esta cuarta feira unha concentración perante a Consellería de Educación para exixir a derrogación da circular pola que se impoñen restricións na utilización de audiovisuais como ferramenta didáctica e para que se elimine o pago de 1,25 euros por alumn@ e ano que a Consellaría acordou coa empresa Motion Picture Licensing pola utilización de contidos audiovisuais. Ademais, e coincidindo coa concentración, o sindicato nacionalista entregou un total de 3.886 sinaturas recollidas entre o profesorado demandando a gratuidade destes materiais.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, cualificou a medida de “atropelo” e dixo que ”é unha irresponsabilidade da Consellaría trasladar o problema aos centros educativos e limitar o uso dos recursos audiovisuais. Se hai conflito cos xestores deses dereitos, debe ser a Consellaría a que pague o uso dos mesmos e non os centros”. Louzao lembrou que a Consellaría “non só non atendeu a proposta da CIG-Ensino, senón que, posteriormente, acordou cunha empresa privada a utilización dos contidos audiovisuais polo prezo de 1.25€ por alumno/a e ano”.
Diante disto, Anxo Louzao asegura que “é totalmente inaceptábel e inxustificábel que a Consellaría, en lugar de facilitar o uso gratuíto e total dos recursos audiovisuais, mercantilice e facilite un negocio a conta dos centros educativos, malia que ano tras ano teñen recortados os orzamentos para o seu funcionamento”. A utilización, reprodución e exhibición de material de carácter audiovisual, fotográfico ou plástico é algo “inherente á práctica docente”, lembrou o secretario nacional da CIG-Ensino, e incide en que “o seu uso é imprescindíbel na maioría das materias, xa que facilita, acompaña e ilustra a aprendizaxe, a comprensión, a reflexión e a visión crítica”.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario