A orde do día centrouse na proposta de creación de itinerarios
lingüísticos nas titulacións de grao no sistema universitario galego.
Trátase de que no marco dun programa de multilingüismo docente a
implantar nas titulacións que así o decidan, e ao que poderá optar o
alumnado que quixer, as universidades ofrezan diferentes itinerarios
lingüísticos planificados nas súas titulacións e a posibilidade de
acreditar a competencia lingüística nos idiomas vehiculares da docencia e
linguaxes de especialidade.
En todos os casos, os novos
itinerarios lingüísticos contemplarán como opción a impartición da
titulación en lingua galega, ao pé do castelán e doutras linguas
estranxeiras (con especial atención ao portugués, no marco de aplicación
da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa
lusofonía). Deste xeito, o alumnado terá opción de cursar a súa
titulación en galego, o que suporá un grande avance na dinamización do
idioma propio no ensino superior de Galicia.
Avanzar conxuntamente en prol do idioma
A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística intégrana a Xunta
de Galicia e mais as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A
Coruña. Foi creada en 2009 para darlle cumprimento á medida dirixida á
área do ensino que no marco do Plan xeral de normalización da lingua
galega (2004) propoñía a creación dunha "comisión estable" que asumise a
planificación e a coordinación da política lingüística universitaria en
Galicia, prevendo a participación nela das tres universidades galegas e
mais da Administración autonómica.
Así, a devandita comisión
ten como principal cometido definir as liñas políticas de actuación na
comunidade universitaria galega en materia de política lingüística, para
o que se acordan pautas de actuación conxuntas en prol da dinamización
lingüística e do fomento uso do galego no ámbito universitario.
Información tirada do web da SXPL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario