martes, 9 de xuño de 2015

CEAPA esixe ao MEC que o Observatorio Estatal da Convivencia Escolar retome a actividade que nunca debeu abandonar e que adopte medidas específicas contra o acoso escolar

CEAPA entende que o acoso escolar nos centros é un tema de grande importancia e lamenta que se aborde de forma puntual cando acontecen situacións tan dramáticas como as que vivimos ultimamente, xerando picos de inquietude social con opinións nos medios de comunicación nada afortunadas e que pouco achegan á busca de abordar o problema no seu verdadeiro contexto e magnitude, provenientes de sectores que desvían a atención cara a propostas como a rebaixa da idade penal do menor, aumento de medidas punitivas ou máis vixilancia nos centros.
CEAPA opina que o debate debe encamiñarse na adopción de medidas educativas xa que os rapaces e rapazas se encontran nos centros educativos e as situacións a resolver xorden e se desenvolven neste contexto. A adopción de medidas debe traballarse tanto de forma explícita puntual coma de modo transversal e continuo. Os centros educativos son o espazo idóneo xa que ademais de transmitir coñecementos baseados no currículo académico, tamén deben achegar unha formación integral como persoas, que equilibre as carencias que se dean neste sentido no ámbito familiar ou no ámbito social no que se desenvolven habitualmente os menores, e que poden favorecer en ocasións que se desenvolvan comportamentos inadecuados.
CEAPA aposta pola formación inicial e continua do profesorado para que teña ferramentas coas que poida abordar todos os temas que se dan dentro do ámbito escolar, incluído aqueles tan graves como o acoso escolar.
Así mesmo, CEAPA aposta pola formación de nais e pais, por un lado, en competencias parenterais que lles axuden na crianza dos fillos e fillas e promovan o seu benestar emocional e desenvolvemento integral e, por outro, en formas de participación nos centros educativos. CEAPA defende a necesaria participación das familias nos centros a través das asociacións de nais e pais, e nos consellos escolares dos centros a través das comisións de convivencia cuxo labor é traballar na mellora da convivencia do centro.
Esta situación puxo de manifesto, unha vez máis, como os recortes xeneralizados dos recursos educativos, especialmente aqueles relacionados coa atención á diversidade e a xestión dos conflitos da convivencia escolar, se traducen en situacións tráxicas como a que tivo lugar.
CEAPA recorda que no ano 2007 se creou o Observatorio Estatal da Convivencia Escolar, un órgano consultivo adscrito ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da Secretaría Xeneral de Educación creado co fin de asesorar sobre situacións referidas á aprendizaxe da convivencia escolar, elaborar informes e estudos, facer un diagnóstico en materia de convivencia escolar, e propoñer medidas que axuden a elaborar as distintas políticas estatais, fomentando as actuacións que faciliten a mellora do clima escolar e a convivencia nos centros educativos, así como solicitar canta información obre en poder das institucións, públicas e privadas, que están implicadas na mellora do clima escolar nos centros educativos para analizar situacións, facer diagnósticos e propoñer medidas que favorezan a convivencia escolar.
CEAPA esixe ao Ministro de Educación, Cultura e Deporte, como Presidente do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar, que convoque a este órgano para que continúe a actividade que nunca debeu abandonar, e se ocupe dun tema de vital importancia para o sistema educativo como é a análise, e a mellora da convivencia nos centros educativos e erradíquense as situacións que poden derivar en sucesos como o acontecido.
Pola súa banda, CEAPA meditará sobre as melloras nas medidas actuais que se mostraron claramente insuficientes e realizará un proceso de reflexión sobre as medidas necesarias para abordar a problemática do acoso escolar, recollendo toda a súa complexidade dende os diferentes ámbitos, que dará a coñecer nos próximos meses.
Madrid, 8 de xuño de 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario