O Instituto Galego de Estatística vén de facer públicos os datos máis recentes da súa enquisa estrutural aos fogares, correspondentes ao ano 2013. Este estudo indica que o 47% das 312.000 persoas de entre 18 e 34 anos que viven cos seus pais non ten ingreso ningún. En 2008, ano sinalado como o do inicio da actual crise, era o 28% da mocidade que vivía cos pais a que declaraba non ter ningún ingreso. Esta carencia de ingresos é aínda máis acusada nas persoas máis novas: entre a poboación de 18 a 24 anos que non marchou da casa familiar quen non teñen ningún ingreso son o 63% do total.
Só 1 de cada 5 persoas de entre 18 e 24 anos que vive cos pais ten algún ingreso procedente do traballoEstes datos van acompañados dunha moi notable caída das persoas mozas que non puideron emanciparse pero si perciben algún tipo de ingresos procedentes do traballo. No ano 2007 era case o 60% da mocidade galega que vivía cos pais a que se atopaba nesta situación e, no caso das persoas de entre 25 e 34 anos, case tres de cada catro tiñan algún tipo de percepción económica que chegaba do mundo laboral. O panorama mudou radicalmente coa crise e agora só o 38% destas mozas e mozos teñen algún ingreso do traballo. Se a poboación observada é a de entre 18 e 24 anos, só o 18% ten algunha remuneración salarial, unha caída de vinte e catro puntos a respecto do inicio da crise.
Nos últimos anos o Goberno central recortou axudas e beneficios fiscais á mocidade para o alugueiro de vivendaIsto sucede nun contexto no que algunhas medidas gobernamentais supuxeron novos atrancos para a emancipación xuvenil. Así, por exemplo, unha das primeiras decisións de recorte do Goberno de Mariano Rajoy, a finais de 2011, implicou a supresión da Renda Básica de Emancipación, a axuda de 210 euros que, xestionada polas comunidades autónomas, estaba encamiñada a subsidiar parte dos gastos de alugueiro de vivenda para a mocidade de entre 22 e 30 anos. Do mesmo xeito, na súa reforma fiscal o Ministerio de Facenda eliminou a dedución por alugueiro de vivenda no IRPF para todos os contratos asinados dende o 1 de xaneiro de 2015.
Ningún comentario:
Publicar un comentario