xoves, 11 de xuño de 2015

Google inviste nunha aplicación para aprender idiomas

Duolingo alcanza unha valoración de 415 millóns de euros.

Duolingo, a aplicación máis popular para a aprendizaxe de idiomas, acaba de recibir unha nova rolda de financiamento de 45 millóns de dólares (uns 39 millóns de euros) con Google á fronte. O programa, que conta con máis de 100 millóns de usuarios activos, aos que lles gusta denominar como estudantes, empregará esta inxección, que alza a súa valoración ata os 470 millóns de dólares (uns 415 millóns de euros), para personalizar o contido e ser máis efectivo. En roldas anteriores entraron algúns dos fondos máis coñecidos de Silicon Valley, como Union Square Ventures ou Kleiner Perkins Caufield & Byers. Tamén o actor Ashton Kutcher ou o autor Tim Ferriss.
Laela Sturdy, membro do consello de Google Capital, valora as bondades do servizo: "Está a cambiar a forma en que a xente aprende idiomas en todo o mundo". A intención de Duolingo é afondar en 'machine learning' e intelixencia artificial, de modo que as leccións reforcen os puntos fracos de cada alumno.
Luis von Ahn, fundador de Duolingo, xa vendeu unha empresa a Google en 2009, ReCaptcha, dedicada a verificar formularios. De orixe guatemalteca, o seu foco en América Latina é claro, onde está o 25% da súa audiencia: "É importante, primeiro, porque hai unha necesidade de aprender idiomas, o inglés en particular. Sobre todo entre os que queren mellorar a súa situación socioeconómica. Segundo, porque axuda a boa penetración dos móbiles". O catálogo de Duolingo abrangue 25 idiomas.
O pico de altas de alumnos máis elevado deuse pouco antes do verán pasado, cando o Mundial e os Xogos Olímpicos invitaron os traballadores de servizos a aprender nocións doutros idiomas para poder atender en taxis, restaurantes ou hoteis. A actividade en Brasil foi especialmente relevante.
Un dos aspectos máis cuestionados de Duolingo é a certificación da aprendizaxe. Para solucionalo crearon o Duolingo Test Center. A próxima fase será pechar acordos con universidades para contar cun documento oficial que acredite os coñecementos.
Como na maioría das plataformas educativas en liña, a taxa abandono é outro dos puntos mellorables. A gamificación, como se denomina ao uso de mecánicas propias dos xogos, axuda para frealo: "Os nosos usuarios refírense a Duolingo coma se fose un xogo. Non teñen a percepción de estar a estudar. Algúns conseguen rachar de 700 días consecutivos".
Funciona tanto en iPhone e iPad como Android, dende o seu nacemento en 2011 é a aplicación educativa máis descargada en ambos os dous sistemas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario