A Aceleradora de Transferencia da USC busca novos proxectos de investigación que levar ao mercado.
Santiago explota na actualidade 200 patentes.A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) iniciou a terceira edición do Acelerador de Transferencia, programa dirixido a avanzar no proceso de maduración de resultados de investigación, facilitando a súa transferencia ao contorno social e económico seguindo a práctica doutros referentes nacionais e internacionais. O Acelerador de Transferencia leva a cabo as accións necesarias para cubrir a fenda entre os resultados dun proxecto de investigación e un coñecemento o suficientemente maduro para que resulte de interese para unha empresa ou outro axente externo, co obxectivo de aumentar as posibilidades de transferencia e polo tanto o seu valor.Aqueles proxectos que aspiren a obter o respaldo do Acelerador de Transferencia da USC deberán identificar claramente cal é a brecha existente entre o resultado de investigación e o seu mercado potencial, debendo existir un destinatario final ou socio desenvolvedor para o proceso de transferencia co cal (no caso de que o proxecto resulte exitoso) se establecería un acordo de licenza ou se procedería á creación dunha spin-off.
Para a selección de proxectos candidatos a obter o respaldo do Acelerador de Transferencia, valorarase o grao de novidade; a posibilidade de protexer os resultados obtidos por patente ou por outro mecanismo de protección da propiedade intelectual; o grao de madurez; a importancia da necesidade social que busca resolver ou satisfacer co produto desenvolvido; as posibilidades comerciais (mercado ao que se dirixe e vantaxes competitivas do produto resultante); e implicación do grupo de investigación no proceso de transferencia.
Nos últimos 10 anos, creáronse 40 spin-off da Universidade de Santiago
Para clarexar calquera dúbida ou solicitar información adicional está dispoñible unha web neste enlace, e tamén no enderezo electrónico avte@usc.es ou as extensións 15586 (Alberto Rodríguez) e 15581 (Diego Suárez).A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento é o servizo dependente da Vicerreitoría de Investigación e Innovación da USC encargado da xestión integral do proceso de transferencia dos resultados de investigación xurdidos no seu seo. O seu obxectivo é conseguir un impacto directo na sociedade dos resultados de investigación obtidos nos laboratorios e centros de investigación da USC, a través da súa incorporación en procesos, produtos ou servizos, e que polo tanto redunde no crecemento económico e na mellora do benestar social.
A USC leva máis de 20 anos transferindo resultados de investigación e figura entre as dez universidades españolas líderes en número de solicitudes e en contratos de licenza, posuíndo unha carteira de máis de 200 patentes. Nos últimos 10 anos creáronse 40 empresas baseadas en coñecemento xerado na USC.
Ningún comentario:
Publicar un comentario