xoves, 11 de xuño de 2015

Formas máis amables para constatar o mesmo continuísmo

ENTREVISTA DO STEG CO NOVO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN.

O pasado mércores, día 3 de Xuño, unha Delegación do Secretariado Nacional do STEG acudiu ao edificio de San Caetano para celebrar unha entrevista co novo Conselleiro de Cultura, Educación e O.U., encontro que fora solicitado expresamente polo noso sindicato para podermos coñecer de primeira man as liñas mestras do novo gabinete da Consellaría tralo cambio de titular e para podermos expresar as demandas e as análises que o STEG formula na hora presente sobre o sistema educativo galego e as súas diversas problemáticas, derivadas fundamentalmente da implantación da LOMCE e da política de continuos recortes que vimos padecendo dende hai varios anos.

Estiveron presentes, por parte da Consellaría, o Sr. Román Rodríguez (quen non obstante acabou por ausentarse tras media hora ben pasada do comezo da reunión) e o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, D. José Manuel Pinal Rodríguez.

A síntese que facemos desde o STEG desta reunión é tan clara como decepcionante: hai unha relativa mudanza de talante na Consellaría, que saudamos positivamente, mais persisten todos e cada un dos graves desencontros que veñen caracterizando o decorrer dos últimos cursos entre o STEG (entre moitísimos outros sectores da comunidade) e os actuais xestores políticos da educación pública.

O diálogo mantido sobre asuntos como o continuo desvío de fondos públicos á privada concertada, os recortes económicos e sociolaborais ao profesorado, a xestión dos comedores e do transporte escolar, a implantación e xestión de programas como ABALAR, PLAMBE, PROA..., a polémica do Concurso Xeral de Traslados, a recente orde sobre libros de texto, a demora na publicación dos currículos e mais da orde para avaliación en Primaria, a “reválida” de 3º de Primaria, etc. deixou unha vez máis en evidencia o abismo existente entre o ideario e as propostas de defensa do ensino público galego de calidade, gratuíto, universal, democrático, inclusivo, coeducador e laico que postula o STEG e as liñas mestras xerais de xestión que semella querer continuar implementando o novo Conselleiro.

Trabúcase este novo responsábel da Consellaría, como o Goberno e o propio partido de que fai parte, en persistir nunha liña de actuación e nunha filosofía que están traducíndose nun continuo deterioro do noso sistema educativo, na merma constante dos dereitos do alumnado e das familias a un ensino gratuíto e universal, na degradación reiterada das nosas condicións de traballo, tanto sociolaborais como pedagóxicas. Ventos de mudanza sopraron con forza en moitas urnas o pasado 24 de maio e seguirán a soprar alentados, non haxa dúbida, por tantas e tantas persoas da comunidade discente e docente que vimos asistindo nos últimos anos, combaténdoa con todas as forzas, a esta férrea e cruel ofensiva neoliberal sobre un ben social tan prezado como é a Educación.

Secretariado Nacional do STEG

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario