O
Observatorio da Cultura do CCG vén de presentar os datos máis
salientábeis da súa investigación Os
arquivos e a protección do patrimonio documental, onde
se recollen as información das actividades de bibliotecas e de
arquivos da nosa terra. Ou sexa, que estamos ante un diagnóstico
actualizado do estado de saúde dos nosos centros de coñecemento,
atendendo a parámetros como o número de usuarios ou as cifras de
préstamos. Segundo se fai saber, no ano 2013 as bibliotecas galegas
rexistraron cinco millóns e medio de visitantes e preto de dous
millóns e medio de préstamos. No informe dise que estas bibliotecas
e arquivos (encargados da custodia e catalogación do patrimonio
documental e bibliográfico do país) experimentaron nos últimos
tempos unha transformación social e tecnolóxica, cousa que redundou
no seu impulso.
En
definitiva, que o documento do Consello da Cultura Galega constata “o
bo momento” de saúde dos centros de coñecemento da nosa terra,
cun importante medre de usuarios nos últimos tempos.
Así,
de 17.511 postos de consulta dispoñíbeis en Galicia en 2009,
pasouse a 18.320 en 2013, “un incremento que se produciu de xeito
paralelo ao incremento de usuarios inscritos na Rede de Bibliotecas
de Galicia, que subiu de maneira exponencial a partir de 2012”.
O
Observatorio da Cultura Galega tamén constata, coas estatísticas da
Rede de Bibliotecas de Galicia, unha mellora “na dotación técnica
e humana no período de referencia”. No que ten que ver cos
traballadores, pasouse de 362 a 898, sendo o grupo que máis medra o
de bibliotecarios profesionais con adicación plena. Mellora tamén o
número de fotocopiadoras, impresoras, escáneres e ordenadores aínda
que se perde superficie de uso bibliotecario. No que atinxe á
devandita modernización tecnolóxica, incrementouse a cifra de
consultas en liña aos fondos, a través do programa de xestión
bibliotecaria MEIGA, que pasaron de 37.235.000 en 2009 a 84.940.906
en 2013.
Ningún comentario:
Publicar un comentario