Apenas dous meses despois da chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia o novo goberno do PP desvelou como concretaría a súa promesa electoral de "cambiar o sistema de préstamo de libros de texto para garantir a gratuidade e titularidade dos mesmos". O novo modelo, alcumado como "gratuidade solidaria", consistía en que todo o alumnado tería que volver mercar os libros e unha parte recibiría unha axuda económica parcial para a adquisición.
Segundo a Xunta, o plan non tiña máis ca vantaxes económicas e mesmo "pedagóxicas". "A modalidade elixida pemite unha maior solidariedade, centrando as axudas nas familias con menos recursos", aseguraba daquela a Consellería de Educación, que cualificaba "o modelo anterior" como "café para todos", unha "enganosa medida universal" que "non reparaba nas necesidades específicas das familias" e "provocaba un gasto moi elevado por parte da Administración". As axudas parciais, aseguraba, permitiría destinar máis fondos a outras áreas educativas e, ademais, outorgaban "maiores vantaxes aos alumnos e pais, permitindo a creación de bibliotecas familiares nos fogares e a mellor conservación dos libros". "Tamén facilita o labor dos profesores, xa que se eliminan os procesos de recepción, catalogación e revisión dos libros", acrecentaban.
Feijóo apelou á "lóxica" para que o estudantado tivese "a propiedade dos libros" e formase unha "biblioteca" con elesApenas dous días despois de anunciar a fin da gratuidade era o propio presidente quen glosaba a nova medida. "É a proposta máis solidaria e progresista", aseguraba ante a prensa antes de proclamar que "os que teñan dificultades poderán acceder" aos libros con "propiedade e gratuidade total". O seu sistema, afirmaba Feijóo, era mellor porque axudaba a quen "máis" o precisaba e porque lograba algo que para o xefe do Executivo era "lóxico": que os estudantes "obteñan a propiedade dos libros" e non como co bipartito, que promovía "un préstamo, porque ninguén tiña os libros na casa" e impedía que o estudantado sentise os manuais como "seus" e formase unha "biblioteca" de libros de texto. "Por iso se cambia un sistema de préstamo por outro de propiedade", razoaba.
Educación insistiu na necesidade de que o alumnado acumulase libros na casa porque aumentaba "o rendemento académico"Cando xa transcorrera un ano dende o cambio a Xunta afondou no novo modelo, aumentando a súa dotación económica para aplicar o denominado "decreto do plurilingüismo" e pagar os libros que deixaban de poder ser utilizados en galego. Daquela a Consellería reiteraba que estaba permitir que o alumnado tivese "libros en propiedade, que se converterán en ferramentas de traballo que pasarán a formar parte das súas bibliotecas familiares". O daquela conselleiro, Jesús Vázquez, profundaba na tese dende o Parlamento aludindo a "vantaxes educativas e pedagóxicas" da acumulación de libros nos fogares. "Este modelo permite aumentar o rendemento académico do alumnado", afirmaba.
Máis gasto e menos alumnado con axudas
Malia ás excelencias auguradas dende a Administración o certo é que cando o sistema de axudas parciais estivo completamente implantado deixou de ser máis barato que o préstamo universal. Mentres sindicatos, ANPAS, oposición parlamentaria e mesmo UNICEF reclamaban a volta á gratuidade real a Xunta comezou a reducir o alumnado que se podía beneficiar das axudas parciais. Aínda así, este recorte non impediu que, en sucesivas ocasións, tivese que recorrer a ampliacións de crédito para poder atender todas as demandas de subsidios.Educación imita agora os bancos de libros creados por ANPAS e concellos para paliar os recortes da propia XuntaNeste contexto asociacións de pais e nais, concellos e direccións de centros educativos comezaron a organizar bancos de libros solidarios e iniciativas semellantes para paliar o recorte imposto pola Xunta. Cando a comunidade educativa xa tomara a iniciativa para sortear as retalladas foi a propia Consellería de Educación, a partir dunha iniciativa do PP no Parlamento, a que comezou a apelar á "solidariedade" na xestión dos libros. A viraxe vén de culminar coa promulgación da orde que regula o novo "fondo solidario" de manuais escolares, que no período 2015-2016 substituirá en catro cursos o modelo de axudas parciais por un sistema de préstamo no que as familias con rendas baixas terán prioridade, toda vez que se prevé que non haxa libros para todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario