martes, 2 de xuño de 2015

O Día da Ciencia en Galicia defende máis investigación como piar da economía

"Galicia ten talento", di o presidente da Academia Galega de Ciencias, que reivindica "acelerar o ritmo" para medrar en I+D+i

Hai un Día das Letras Galegas. E, dende hoxe, hai un Día da Ciencia en Galicia, que ademáis dunha actividade básica é tamén un xeito de cultura. A celebración desta xornada vén de reinvidicar o I+D+i como única garantía para sustentar a economía e o estado do benestar. O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, reclamou que esta realidade non quede nunha “frase bonita” e apostou por “acelerar o ritmo” para acadar os estándares dos países máis desenvolvidos. Foi no seu discurso no acto institucional celebrado no Pazo de San Roque de Santiago, o eixo dun día que se estrea este ano e que, ata o de agora, era coñecido como o Día do Científico Galego.
“A día de hoxe ninguén discute xa a importancia que o coñecemento científico técnico ten para o desenvolvemento socioeconómico dun país”, dixo Ríos, aínda que lamentou que esta afirmación, as veces, se converte “nunha frase bonita para a galería” ou un “tópico publicitario“.
O presidente da RAG recordou que a educación e a investigación “son os piares onde se ha de sustentar o noso sistema de produción de riqueza e de sostemento do estado de benestar“.
“Galicia ten talento”, dixo Ríos, que apostou “acelerar o ritmo neste proceso de modernización para entrar de cheo no club dos países avanzados”.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, dixo que a Xunta tenta que Galicia “sexa unha terra atractiva para os investigadores punteiros” mediante programas como o Oportunius, que busca captar a 24 científicos de alto nivel e co que chegou á USC Diego Martínez, que foi recoñecido no 2013 como o mellor físico de partículas novo de Europa. “Queremos que en Galicia haxa investigadores que exploren as fronteiras da ciencia, seguindo a estela dos brillantes científicos que tivo e ten Galicia. Unha terra atractiva para as mentes máis brillantes é unha terra que abre tódolos camiños do progreso”.
Ángeles Alvariño foi a homenaxeada do primeiro Día da Ciencia en Galicia
“Se estamos onde estamos e podemos ver o mundo desde a altura desde onde o vemos, é porque antes houbo outros que nos foron subindo ata aquí”, dixo Conde, que sinalou como exemplo claro deses xigantes científicos galegos á ferrolá Ángeles Alvariño, recoñecida este ano no Día da Ciencia.
O acto académico na honra de Ángeles Alvariño celebrouse en Santiago coa presenza do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e do conselleiro de Economía, Francisco Conde. O evento incluiu unha semblanza persoal a cargo de María José Leira, licenciada en Ciencias Naturais e sobriña da homenaxeada. Ademais, Juan Pérez de Rubín y Feigl, investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO), impartiu unha conferencia titulada “Ángeles Alvariño González (1916-2005): a primeira oceanógrafa galega”.
En Vigo o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) abriu unha exposición bibliográfica, ata o vindeiro venres 5 de xuño, na que se poderán ver as obras da oceanógrafa ferrolá. Ademais, grazas á colaboración da Fundación Barrié, será distribuída nos centros escolares de toda Galicia a unidade didáctica elaborada por expertos sobre a figura e o legado de Alvariño. E, entre setembro e decembro, celebrarase un programa de talleres científicos para escolares nas sedes que a entidade ten en Vigo e na Coruña. Ademáis, o Instituto Español de Oceanografía (IEO), ao que pertenceu Ángeles Alvariño celebrará no seu centro costeiro da Coruña unha xorndada de portas abertas o sábado 6 de xuño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario