A Asociación
Universitaria de Ciencias Sociais e Humanidades Galicia Iberoamérica
(AGALI) organiza co apoio da Universidade de Santiago (USC) a
quinta edición das xornadas AGALI, que desta volta estarán
adicadas, tematicamente e na forma, ao
ensino na Sociedade da Información. O evento desenvolverase os
días 18 e 19 de xuño nas Facultades de Ciencias da Educación
(Campus Norte) de Santiago e de Formación do Profesorado de Lugo. A
organización, na que están tamén presentes ANTE, ELINCIS e varias
redes de investigación galegas e estatais, mantén aberto ata o día
12 o prazo tanto para inscribirse como para enviar comunicacións.
Os expertos Xosé Manuel
Souto González, da Universidade de Valencia, e Joan Santacana i
Mestre, de Barcelona, serán os encargados de pronunciar os dous
relatorios incluídos no encontro. O primeiro preguntarase na súa
intervención “que pode facer o bo profesorado de Xeografía e
Historia no ensino básico”, mentres que o docente catalán tratará
de explicar “os retos de educar na xeración das aplicacións
móbiles”, informa a Universidade de Santiago.
O resto das xornadas
artéllase en sesións de comunicacións e catro mesas redondas sobre
o aproveitamento didáctico do patrimonio, o mestrado investigador
como desafío para o futuro, a confluencia entre as áreas de lingua
e literatura e ciencias sociais e as controversias sociocientíficas,
coa problemática do lobo en Galicia como caso de estudo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario