venres, 5 de xuño de 2015

322.000 euros ao fomento do galego na escola e 6,5 millóns para propaganda nos medios

Educación di que, ademais desta subvención aos centros escolares, hai outras para impulsar o galego como o Concurso-Exposición Letras Galegas, o proxecto multimedia Dragal e "Nós tamén creamos!". 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de aprobar unha partida de 322.600 euros a axudas a proxectos de fomento do uso do galego nos centros escolares, unha axuda que contrasta cos polo menos 6,5 millóns de euros contrastados polo GC que a Xunta xa destinou en convenios e en campañas publicitarias aos medios de comunicación tradicionais no que vai de ano.
 
Así, o obxectivo destas axudas ao fomento do galego son impulsar actividades nos 846 centros de titularidade pública e os 99 de titularidade privada que imparten, no curso 2014-2015, ensinos regulados e de nivel non universitario en Galicia. As propostas deben ser realizadas polos equipos de dinamización da lingua galega nos colexios e institucións da Comunidade Autónoma.
 
“O obxectivo desta medida é valorar, potenciar e apoiar o labor desenvolvido por estes profesionais para deseñar, pór en práctica e revisar os programas de promoción do galego e facilitar así o acceso a recursos didácticos, pedagóxicos e outros materiais para a súa utilización na aula”, apunta a consellería.
 
Educación lembra que, ademais destas axudas de dinamización da lingua propia da Comunidade e a súa posta en valor a nivel social, complementará as iniciativas de cada centro escolar con programas propios, como o Concurso-Exposición Letras Galegas, o proxecto multimedia Dragal e "Nós tamén creamos!". 
 
Esta axuda contrasta cos 6.5 millóns que a Xunta lle concedeu aos medios de comunicación nos últimos meses, logo, ademais, de coñecerse que o uso do galego entre os mozos baixou nos últimos anos de xeito drástico e tan só o 13% di que o usa de xeito habitual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario