WERT DESPÍDESE FACILITANDO A PRIVATIZACIÓN DA UNIVERSIDADE E DIFICULTANDO A ACREDITACIÓN DO PROFESORADO UNIVERSITARIO.
O Consello de Ministros de hoxe aprobou, aínda non publicados, dous decretos que van contra a universidade pública e o seu profesorado. As dúas persoas que dirixiron a campaña do goberno para deteriorar o ensino público e facilitar a súa privatización, despídense coa aprobación de dous decretos que afectan á universidade e áo seu profesorado. Estes decretos estaban paralizados, pese a levar redactados moitos meses, á espera do momento oportuno para a súa publicación. E o momento oportuno foi agora, o día que cesou a Secretaria de Estado de Educación e cando se sabe que en breve cesará o Ministro, segundo diferentes informacións.
O MECD reformou a universidade para potenciar a súa privatización, para encarecerla, e para dificultar o acceso e movilidade do profesorado universitario. Esta reforma realizouse por medio de tres reais decretos que se suman a outras medidas que se implementaron para conseguir a súa reforma universitaria: a brutal diminución do investimento público e o encarecemento das taxas, por unha banda, e o aumento do horario lectivo do profesorado por outra. O RD coñecido como 3 + 2 provocou un rexeitamento total, folgas e o compromiso dos reitorados de non aplicalo o próximo curso.
O Consello de Ministros aprobou este venres os dous decretos que lle faltaban á súa reforma universitaria. O goberno decreta facilitar aínda máis a creación de universidades e centros universitarios privados, potenciando a dinámica actual, que permitiu pasar de 12 universidades privadas que había fai 15 anos ás 32 actuais, mentres se mantén o número de públicas en 50. E para conseguilo aprobaron o "real decreto de creación y reconocimiento de universidades y centros universitarios" co que diminúen os requisitos esixidos para a creación de universidades. Comezan pola eliminación do requisito de que os títulos a impartir cubran as distintas ramas do coñecemento, desde Enxeñería ata Humanidades, e continúan pola eliminación do requisito de ter en conta a demanda por maior poboación escolar; tampouco necesitarán para a súa creación o informe favorable da Conferencia Xeral de Política Universitaria, nin se especifican cales son os recursos adecuados que necesitan para cumprir os seus fins, nin se lles esixen a achega de garantías financeiras para asegurar o seu financiamento.
A actividade docente segue infravalorada no "Real Decreto por el que se modifica el RD 1312/2007, por el que se establece la acreditación nacional para el acceso a los cuerpos docentes universitarios" pois, xunto a esta infravaloración, os procedementos de avaliación dos méritos e competencias dirixidos a obter a acreditación necesaria para acceder aos corpos docentes universitarios son menos claros e imparciais que os actuais, son máis subxectivos, endurecendo os requisitos que facilitan o acceso e a movilidade do profesorado universitario, permitindo valorar o traballo externo á universidade cando os méritos de docencia e investigación sexan insuficientes.
O STEG, tralo rexeitamento xeneralizado a esta contrarreforma universitaria do goberno do PP, espera que tralas eleccións xerais do outono cambie a maioría parlamentaria, se derroguen estes tres reais decretos e se tomen medidas para potenciar o ensino universitario, facilitando os estudos ás persoas que desexen facelo, á marxe das súas dispoñibilidades económicas.
Secretariado Nacional do STEG
Ningún comentario:
Publicar un comentario