Destina 245.000 euros, 55.000 menos que a cantidade que destinou a este fin no ano anterior ou que os que pagou a Enrique Iglesias por gravar un vídeo en Galiza.
Prosegue o corte e recorte de fondos por parte do goberno galego para todo o que sexa promocionar, normalizar ou incentivar o galego. Desta vez son as axudas ás entidades locais de Galiza para promocionar o uso da lingua galega as que sofren unha nova tesoirada polo executivo de Núñez Feijóo. A convocatoria de subvencións para este ano foron publicadas esta semana no Diario Oficial de Galiza (DOG) e establecen un total de 245.000 euros. Ao famoso e polémico vídeo de Enrique Iglesias, a Xunta destinou 300.000. Un 20% máis.A partida de 2015 supón, ademais, un recorte a respecto dos 300.000 que dedicara o goberno galego o ano pasado en axudas aos concellos para normalizar o idioma propio do país. O recorte continúa unha liña que vén desde 2012, cando esta mesma finalidade contaba con 520.000 euros anuais de orzamento. Os fondos, destinados a concellos con máis de 3.000 habitantes, poderán dedicarse á creación, mantemento ou reforzamento de servizos lingüísticos, así como a promover programas de dinamización da nosa lingua.
Teima en minguar
O eido da promoción do galego,é dos máis prexudicados polos recortes orzamentarios do goberno de Feijóo. En 2009, ano do desembarco de Núñez Feijóo na Xunta, os fondos para a normalización do galego foron de 21,5 millóns de euros. Nas contas autonómicas para o exercicio 2015 esa cifra é de menos de sete millóns de euros, 6,7 millóns. Máis dun 70% de recorte. Manuel Fraga, no seu último orzamento como presidente e con Núñez Feijóo de vice-presidente, destinou 19 millóns de euros a promocionar o galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario