Os centros seguen sen recibir as dotacións específicas para a implantación da FP Básica, malia estar comprometida pola Consellaría con cargo ao Ministerio e ao Fondo Social Europeo.
A CIG-Ensino denuncia a problemática que
están sufrindo os centros ao non recibir aínda ningunha dotación
específica para a implantación da FP Básica, malia estar comprometida
pola Consellaría de Educación con cargo ao Ministerio e ao Fondo Social
Europeo, segundo unha escrito enviado polo director xeral de Educación,
Formación Profesional e Innovación Educativa, en novembro de 2014, aos
directores e directoras .
A falta de financiamento impide o normal funcionamento dos centros e pon en evidencia a improvisación coa que se puxo en marcha a FP Básica, razón pola que a CIG-Ensino xa pediu a finais do curso pasado que se adiara a súa implantación.
Segundo puido comprobar a CIG-Ensino, a situación é tan esperpéntica que a algún centro incluso lle enviaron unha caixa con ferramenta "doméstica" (alicates, desaparafusador...) como dotación para o ciclo de Electricidade e Electrónica. A problemática é evidente porque os centros contaban con esta dotación e agora teñen que andar a sacala doutras partidas.
Diante desta situación, a CIG-Ensino esixe unha vez máis que a Consellaría de Educación dote os centros dos recursos e medios necesarios para impartir cun mínimo de calidade os ciclos de FP Básica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario