luns, 4 de maio de 2015

O CPXG aposta no Día da Liberdade de Prensa pola reinvención alén da Internet

Este domingo 3 de maio celébrase a nivel mundial o Día pola Liberdade de Prensa e tendo en conta as múltiples ameazas que cercan a capacidade dos medios para teren espírito crítico e non quebrarse ante unha chea de intereses económicos ou políticos (ameazas que tamén veñen do Goberno, máis polo miúdo do Ministerio de Xustiza, que propuxo esta semana censurar directamente o labor dos xornalistas), o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de achegar un manifesto no que se fala, e moito, dos múltiples axentes responsábeis do “tsunami que arrasa a profesión tal e como a coñecíamos”. No proceso, un dos elementos culpábeis é, en palabras do colexio, Internet. Porén, non é nin moito menos o único.
Este tsunami, di o CPXG, é ante todo “unha onda de proporcións xigantescas que ninguén viu vir e que ten que ver coa crise e coa popularización da Internet, cuns medios que construíron a súa economía de costas ás audiencias e por riba empezaron a regalar o traballo dos xornalistas”. Malia todo, recalca o colexio, hai máis responsabilidades, aínda que se nos centramos unicamente nos propios medios tampouco daremos coa totalidade do problema. Segundo se informa no manifesto, hai responsabilidade alén das empresas, “se ben é certo que estas amosáronse incapaces de xestionar a crise e dispostas a entregarse en mans dos bancos e a abrazar os intereses creados da economía e a política, suicidas na súa forma de enfocar a globalización informativa da Rede”.
Para o autor do manifesto (Fernando Varela, redactor xefe do xornal dixital infoLibre e membro fundador do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia), cómpre lembrar de novo “que o xornalismo é demasiado importante como para deixalo en mans dos xornais, que a información é demasiado importante como para que a xestionen os propietarios das emisoras de televisión e os donos das radios, e que, máis alá do oficio e da técnica, máis alá do exercicio literario, é un compromiso, unha alianza cos cidadáns, un elemento central da democracia real”.
No manifesto, Fernando Varela aposta por un chamamento á “reinvención” e por achar o xeito de que os xornalistas se manteñan fieis ao que son, dignos da memoria do periodismo que os fixo xornalistas. “E isto”, engade, “non depende das tecnoloxías, depende da nosa capacidade de non perder de vista o sentido da nosa tarefa, a natureza da nosa misión”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario