A aplicación
AbalarMobil, que permite facer seguimento da actividade académica
dos nosos fillos empregando os dispositivos móbiles, segue a
estender o seu radio de acción. Así nolo informou os días pasados
AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e a
Consellería de Cultura de Cultura e Educación, responsábeis deste
desenvolvemento. Segundo fixeron saber, incrementouse
o número de centros que poden dispor de AbalarMobil,
“beneficiando así a un meirande número de familias”. Arestora
está presente en máis de 62.000 fogares do alumnado matriculado en
150 centros das 4 provincias galegas (64 da Coruña, 27 de Lugo, 19
de Ourense, 40 de Pontevedra).
Lembrar que as nais e
pais que teñan nos seus trebellos a ferramenta móbil poden facer
cousas como consultar as cualificacións dos seus fillos, solicitar
unha cita de titoría, verificar e xustificar as faltas de
asistencia; visualizar as faltas de conduta, os horarios e as
materias; acceder ás incidencias creadas polo profesorado e aos
avisos ou notificacións dos docentes ou do centro educativo, e
modificar o idioma da aplicación.
“A principal vantaxe
desta ferramenta”, explican AMTEGA e Cultura, “é que simplifica
o acceso a estas funcionalidades con respecto aos servizos que
ofrece espazoAbalar, xa que o único requirimento para acceder á
información é descargar a aplicación”.
Para o vindeiro curso
académico 2015/2016 ampliarase aínda máis o alcance de
AbalarMobil, sendo o obxectivo chegar, de maneira paulatina, ao resto
dos centros educativos. “Cando estea plenamente funcionando en
todos os centros educativos, preto de 400.000 nais e pais poderanse
beneficiar das vantaxes da aplicación”, sinalaron os seus
responsábeis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario