Son arredor de 30.000 alumnos os que en Galicia están pendentes deses exames finais de etapa de ESO e Bacharelato. Contan para poder seguir estudando e, no Bacharel, torna na nova Selectividade e marca a nota de acceso á Universidade, aínda que neste ano, de suspendela, os alumnos non quedarán sen título, algo que a Lomce si prevé que ocorra a partir do curso 2017-18.
"Non é de recibo e non o imos consentir", advirte Helena Gómez, presidenta da Confapa-Galicia, que se pregunta "que se pode esperar dun Executivo que, en funcións e a finais de xullo, saca un real decreto para confirmar as reválidas que contan con tan maioritaria oposición". Todo, malia que o posterior pacto con Ciudadanos prometía a paralización da Lomce. Desde as anpas apostan con rotundidade por "paralizar a reválida como primeira medida para paralizar a lei".
E nos sindicatos, todos amosaron tamén o seu rexeitamento total. “Centraremos todas as nosas forzas en conseguir que non se realicen as reválidas de Bacharelato e ESO”, aseguraba o pasado luns Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, que insistía no prexudicial para o alumnado dunhas problas "letais" e "segregadoras" e que advertía dunha nova chamada "á insubmisión", toda vez que este ano as probas serán só orientativas e prescindíbeis para conseguir a titulación.
Con todo, o das reválidas non son, nin moito menos, o único problema que trae consigo a Lomce. "O que máis nos preocupa agora é que a lei impón novos libros que supoñen un importante gasto para as familias, de arredor de 300 euros", explican desde Confapa, que acusa directamente as editoriais de "facer negocio xunto coas administracións.
Ocorre que a implantación da Lomce supuxo o cambio -en detalles mínimos- de libros que, loxicamente, non hai nos bancos de material que teñen os centros. As axudas da Xunta van destinadas ás familias con moi pequenos ingresos pero "unha inmensa maioría de familias vense obrigadas a asumir un importante esforzo" para adquirir uns materiais "que apenas varían con respecto ao ano pasado". Desde Confapa insisten aos profesores "que non esixan estes libros, que os teñan na aula ou que aposten por outras ferramentas como as dixitais ou os seus propios apuntes". Pero non é así na maioría dos casos.
"A Lomce é así. Hai unha intransixencia total e non dan unha solución. Os libros que hai son os da nova lei e os do ano pasado non valen", insiste Gómez, que insiste en advertir de mobilizacións e protestas ante a "imposición" dunha norma rexeitada maioritariamente. Ademais, advirte tamén "dun profundo recorte" -outra máis- no profesorado e na diminución das axudas comedor.
Desde CCOO-Ensino lembran que Galicia perdeu 1.200 docentes no ensino público nos últimos sete anos. E desde CIG-Ensino recordan que a Xunta suprime 84 unidades e 13 escolas, "mentres acrecenta e beneficia o ensino concertado, coa creación de 58 novas unidades". Unha situación que, lembrou, "repítese curso tras curso e que ten provocado que nos últimos 5 anos se suprimiran 411 unidades e 59 escolas no ensino público cando, nese mesmo período, se crearon 243 unidades no ensino privado concertado".
Ningún comentario:
Publicar un comentario