A institución compostelá sitúase entre as universidades con máis publicacións con impacto internacional, investigacións citadas en patentes e entre as que captan máis ingresos por licencias, segundo a clasificación da Fundación CYD
Esta clasificación sitúa a institución académica compostelá entre as universidades españolas con máis publicacións con impacto internacional e tamén no grupo de cabeza das institucións con máis investigacións citadas en patentes e tamén entre as que captan máis ingresos por licencias.
O eido da investigación é outro dos campos nos que a USC ocupa un lugar preferente neste informe, no que a universidade compostelá figura entre o grupo das universidades españolas que presenta mellores rendementos no que se refire a captación e liquidación de fondos externos para o desenvolvemento de actividades de I+D+i non ligados á transferencias correntes do Goberno. A produción artística e a media de publicacións por profesor son outros dos ítems analizados nos que destaca a USC.
A proxección e a orientación internacional da USC son outras das características que salienta a Fundación CyD, que inclúe á de Santiago de Compostela entre as universidades que rexistran un maior número de publicacións de carácter e impacto internacional.
O carácter interdisciplinar de boa parte das investigacións e estudos que se desenvolven nos diferentes campus universitarios da USC é outra das fortalezas que a Fundación CyD atribúe á institución académica compostelá, que tamén destaca polo número de científicos post-doutorais que forman parte do seu persoal docente e investigador, así como pola media de sexenios de investigación obtidos polo corpo docente da universidade.
No capítulo correspondente á taxa de éxito nos procesos de ensinanza e aprendizaxe, a USC sitúase no grupo de cabeza das universidades españolas cuxo alumnado completa programas de posgrao ou máster de dous anos de duración con taxas de éxito máis altas.
Por ámbitos de coñecemento, o último informe da Fundación CyD sitúa a USC entre as universidades con maior taxa de rendemento no eido da Física no relativo á captación de recursos internacionais para proxectos de I+D+i. A elevada taxa de éxito do alumnado do grao en Química, as actividades prácticas en empresas da contorna que desenvolve o estudantado de Bioloxía e Psicoloxía, así como a elevada captación de alumnado de fóra de Galicia que presenta esta última titulación da Universidade de Santiago constitúen outros dos parámetros destacados no último informe que vén de publicar a Fundación CyD, informa a USC.
Ningún comentario:
Publicar un comentario