martes, 20 de setembro de 2016

O CPETIG reclama aos candidatos galegos a súa implicación coa Enxeñaría Informática


Con motivo das eleccións autonómicas deste 25 de setembro, as/os nosas/os profesionais da informática queren lembrar á sociedade e aos candidatos á presidencia da Xunta a importancia do colectivo que representan e do traballo que desenvolven: un traballo que está estreitamente relacionado con todas aquelas cousas (innovación, información, coñecemento, creatividade, dixitalización, transparencia, accesibilidade) que nos van permitir avanzar no desenvolvemento social, empresarial, económico e cultural. Nesta liña de reivindicación cara aos comicios sitúase o Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), que vén achegar un chamamento aos candidatos á presidencia para que se impliquen na regulación da Enxeñaría Informática.
Tamén lles solicitan a posta en marcha dun corpo superior de Xestión en Enxeñaría Técnica en Informática e máis a defensa da neutralidade na Rede, entre outras propostas incluídas no devandito documento enviado aos candidatos.
A misiva, asinada polo presidente do CPETIG, Marcos Mata, contén concretamente cinco propostas para “mellorar o exercicio profesional ao servizo de Galicia” e foi enviada este luns aos candidatos do PPdeG, PSdeG, En Marea, BNG e Cidadáns, ao obxecto de que sexan tidas en conta polo goberno resultante das eleccións do vindeiro día 25 de setembro.
No documento, a entidade colexial resume en cinco puntos “as reivindicacións profesionais que deben ser consideradas polo futuro Goberno”.
En primeiro lugar, solicita o apoio e implicación da Xunta de Galicia na regulación da profesión para corrixir con medidas urxentes as consecuencias do informe emitido polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo no que se exclúe á Enxeñaría Informática do Recoñecemento de Cualificacións Profesionais, “que si teñen o resto de enxeñarías”. Segundo informa o CPETIG, “este trato discriminatorio xa desencadeou o pasado mes de xuño numerosas protestas e mobilizacións públicas do sector, tanto do alumnado como das entidades colexiais e organizacións profesionais de todo o país”.
O colexio tamén inclúe entre as súas peticións a creación do corpo superior de Xestión en Enxeñaría Técnica en Informática da Xunta de Galicia, que “xa existe noutras administracións, tendo como principal cometido a implantación da Administración Electrónica e os retos futuros en materia de automatización dos procedementos”.
A aposta pola esixencia de persoal cualificado nas contratacións públicas, o uso de estándares libres na administración pública e a defensa da neutralidade da Rede completan as demandas profesionais do CPETIG ao futuro executivo. Segundo se fai saber no documento a respecto do último punto, “a neutralidade da Rede ten que ser un dereito básico da cidadanía, sendo Internet a ferramenta máis democrática creada na historia da humanidade onde todas as persoas, en igualdade de condicións, poden acceder a información, produtos e servizos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario