Concentración da Plataforma galega en defensa do ensino público o 14 de
setembro. “O curso comeza con 64 unidades e 13 escolas menos mentres o
ensino privado concertado terá 38 unidades máis e recibe 250 millóns de
euros”, denuncian.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino
Público convocou para esa cuarta feira, 14 de setembro, unha
concentración perante a Consellería de Educación contra a LOMCE, as
reválidas e os recortes no ensino público.
Anxo Louzao, en representación da PGDEP, advertiu que vai ser un
curso conflitivo xa que “o PP continua obsesionado por implantar a LOMCE
e as reválidas, este ano tamén en 4º da ESO e 2º de Bacharelato, cando
as de 3º e 6º foron rexeitadas por máis do 80 por cento das familias”.
Louzao lembrou ademais que a esta altura nin sequera se coñecen o
deseño, as características e o contido destas probas.
A Plataforma lembrou que o curso comeza con 64 unidades e 13 escolas
mentres o ensino privado concertado terá 38 unidades máis e recibe 250
millóns de euros. No ensino público máis de 200 unidades superan as
rateos máximas establecidas, engaden. A Plataforma denunciou que máis de
3.000 familias quedan sen prazas no ensino infantil –de 0 a 3 anos- e
máis de 4.000 alumnos e alumnas non van poder estudar o ciclo de
formación profesional que queren.
A PGDEP denunciou a grave situación pola que atravesa tamén o galego
no ensino, nun contexto no que nin sequera o 15 % do alumnado recibe as
clases en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario