O futuro do galego tamén depende do voto Marcos
 Maceira: “Os avances e o desenvolvemento social, económico, político e 
cultural non son posíbeis de costas á lingua propria”
        
 Santiago
 de Compostela, 15 de setembro de 2016-. A Mesa pola Normalización 
difunde a través das redes sociais un vídeo-presentación onde repasa a 
situación do galego a partir dos datos do último estudo do Instituto 
Galego de Estatística xunto aos datos de uso do galego nos centros de 
Educación Infantil de Galiza elaborado pola propia entidade en defensa 
da lingua de Galiza.
“Todos os datos amosan como o uso do galego está a diminuír a un 
ritmo alarmante, que só se comprende ao vermos como a posibilidade real 
de uso do galego está claramente limitada na práctica”. En moitas 
ocasións, sinalan desde A Mesa, “coa participación dos poderes públicos,
 a través da difusión de prexuízos contra o galego ou con accións 
lexislativas, como se ve no caso do ensino onde o decretazo prohibe o 
galego nas matemáticas, nas ciencias ou na tecnoloxía; ou na 
administración pública onde está practicamente ausente de organismos 
como a Axencia Tributaria ou a Seguridade Social”.
O vídeo presentación repasa ademais as modificacións lexislativas en 
ámbitos como o ensino, e as críticas reiteradas por parte de organismos 
como o Consello de Europa ao mal chamado decreto de plurilingüísmo.
Reflectir a mobilización social a favor do galego no voto
“Os últimos anos foron de mobilización da sociedade a favor do noso 
idioma. O 25 de setembro cómpre que esa mobilización se reflicta nas 
urnas votando polas opcións políticas comprometidas coa reposición da 
lingua galega”, sinalou o presidente da Mesa pola Normalización 
Lingüística. Precisamos un goberno favorábel a Galiza e que polo tanto 
defenda a súa maior creación colectiva, o idioma.
A entidade social a favor do galego, xa remitiu aos principais 
partidos que concorren a este proceso electoral, unha batería de 6 
medidas extraídas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, 
aprobado en 2004 por unanimidade parlamentar, mais cuxa aplicación, 12 
anos despois, aínda é unha tarefa pendente.
“Non é máis que unha batería de propostas aparentemente asumidas por 
todas as forzas políticas e sociais, moitas xa recollidas en acordos 
nacionais como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou en 
tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais e 
Minorizadas” sinalou o presidente da Mesa pola Normalización 
Lingüística.
“Temos como punto de partida a Carta Europea e o Plan Xeral de 
Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade, cuxa 
elaboración contou coa participación de case 1000 persoas 
representativas de todos os sectores sociais, de todas as ideoloxías e 
tendencias, con 445 medidas concretas, das cais, consideramos que 6 se 
poden comezar a aplicar de xeito inmediato, e máis cando todos os 
estudos demostran que é urxente facelo”, engadíu.
Para a entidade en defensa do idioma galego, asumir a aplicación 
inmediata destas 6 medidas é a mellor maneira de demostrar verdadeira 
intención de cumprir co acordado no Plan Xeral de normalización da 
Lingua Galega, ratificado por todas as forzas políticas na Declaración 
de Unidade a prol da Normalización da Lingua Galega asinada coa Mesa por
 grande parte das forzas políticas que participarán no proceso de 
elección do novo Parlamento de Galiza.
Estas medidas reclaman, a recuperación do papel normalizador da 
CRTVG, un plan de choque para recuperar o galego no ensino, accións 
claras e concretas no ámbito das administracións públicas incluíndo 
xustiza e saúde, os transportes públicos, acordos para a recepción 
mutua  do sinal da Radio Televisión Portuguesa e a TVG, e o 
condicionamento das axudas públicas á utilización da lingua galega.
O vídeo-presentación está dispoñíbel na seguinte ligazón:
https://youtu.be/abpGspkvx2o
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario