“Levamos máis de quince anos apoiando conxuntamente iniciativas empresariais que contribúen á mellora da calidade de vida no medio rural galego porque queremos dinamizalo, conservar as actividades agrícolas, gandeiras e forestais e modernizar os sistemas produtivos”, apuntou Rodríguez Eiras, quen tamén indicou que impulsan o Premio Aresa co desexo de que a Galicia rural “ sexa unha boa oportunidade laboral e vital para as vindeiras xeracións”.
Poderán presentarse tanto proxectos de actividade empresarial coma empresas xa consolidadas ou empresarios/as cunha ampla traxectoria, e tamén traballos de I+D+i, sempre que teñan unha aplicación práctica no sector primario. As persoas aspirantes deberán entregar a súa proposta e a documentación correspondente nos rexistros dos campus universitarios de Lugo ou de Santiago de Compostela antes das 14.00 h do 28 de outubro deste ano.
O premio, que chega a edición número 17, está dotado con 10.000 eurosComo vén sendo habitual, as candidaturas serán valoradas por un xurado especializado, integrado por destacados/as representantes da Universidade e do mundo da empresa. Na elección do proxecto premiado primarán a viabilidade económica, a creación de emprego e a innovación. O/a gañador/a, cuxa identidade se fará pública durante o mes de decembro, será recompensado/a cunha dotación de 10.000 euros.
Aresa é un grupo empresarial familiar con máis de 40 anos de andaina, dedicado á distribución de fertilizantes, pensos e outros produtos para a agricultura e gandería. Conta con 50 empregados/as e unhas instalacións de 15.000 m 2 situadas en Lugo e Begonte, ademais de no municipio rabadense.
A empresa matriz, Aresa, xunto coa súa empresa participada Soaga, é líder na cornixa cantábrica e en Galicia, Castela e Portugal, comercializando anualmente 300.000 toneladas de fertilizantes. Dentro desta ampla oferta destaca o famoso Fertimón, así como a liña de fertilizantes especiais Fertiland, deseñada para praderías, milleirais, viñedos e patacas.
Recentemente creáronse outras firmas para satisfacer todas as necesidades da xente do rural: Todocampo, cadea de tendas de produtos para a agricultura, a gandería, a xardinería e as mascotas, e Cecoagro, de fabricación de alimentos para o gando e animais de compañía, e un importante mercado de plásticos de agricultura, sementes e fitosanitarios. O volume de facturación conxunto de Aresa e de Soaga aproxímase aos 200 millóns de euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario