O investigador galego Roberto Agís-Balboa vén de asinar unha investigación que demostra en ratos os efectos dañinos desta droga para a memoria.
Son numerosos os estudos científicos que poñen en relación o consumo de marihuana nos mozos e mozas con posteriores problemas de memoria e saúde mental. O investigador galego Roberto Agís-Balboa vén de asinar, xunto a colegas doutros países, un traballo que demostra a relación entre o consumo de cannabis na adolescencia e os déficits de aprendizaxe e memoria na idade adulta. Os resultados do experimento, realizado en ratos e dirixido polo científico catalán Jordi Tomás-Roig, acaban de ser publicados na revista Addiction Biology.Nesta investigación, o equipo co que traballou Agís-Balboa inxectoulle a ratos ‘adolescentes’ (dunhas cinco semanas de idade) un canabinoide sintético (WIN55212.2) ao longo de tres semanas, día a día. Posteriormente, deixouse repousar aos animais durante cinco semanas e, unha vez chegados á idade adulta, realizáronse con eles dúas probas de memoria e aprendizaxe (Water Maze e Fear Conditioning). Observouse entón que, fronte a outros ratos que non recibiran a dose do canabinoide, os animais que foran inxectados amosaban máis problemas de memoria nestas probas.
Explica Agís-Balboa que “a continuación, illouse o hipocampo do cerebro dos ratos e estudamos as rexións CA, moi importantes para a aprendizaxe e a memoria, onde se expresan receptores para canabinoides. Fixemos experimentos a nivel molecular para medir os niveis de canabinoides e vimos que un en concreto, AEA, aumentaba os seus niveis nos ratos tratados con ese composto a doses altas. O aumento de AEA no hipocampo asóciase a déficits de memoria e aprendizaxe, polo que se correlaciona perfectamente co noso resultado”, resume o científico galego.
Máis adiante, o grupo tamén estudou as relacións entre o xenoma dos ratos e as interaccións co medio ambiente. Balboa sinala que “o uso repetido de drogas estimulantes produce disfuncións de conducta e cambios a nivel epixenético debido á metilación (modificación na expresión dos xenes) do ADN, así que decidimos analizar os niveis de metilación de varios xenes. Atopamos que o xen Rgs7 hipermetílase nos ratóns tratados co canabinoide. Sábese que este xen é importante en varias funcións cerebrais e regula os receptores de canabinoides CB1″. O científico galego apunta, por tanto, que este proceso de hipermetilación diminúe a expresión do xen e, dalgunha maneira, deixa sen control a resposta dos receptores aos canabinoides, o que podería contribuír tamén aos déficits de aprendizaxe e memoria.
En definitiva, “os ratos tratados con marihuana sofren un significativo deterioro na memoria e á súa vez, os animais expostos a doses máis elevadas sufren un empeoramento respecto aos tratados coa dose máis baixa”. Este feito evidencia que a intoxicación por cannabis ten efectos severos, que dependen tamén da duración do consumo, da dose e da etapa vital na que se atope o individuo. Por tanto, “existe unha correlación entre o que atopamos en ratos e a clínica que se observa en humanos. O interesante agora é ver se o mesmo acontece nas persoas, e indagar nese mecanismo”.
Os ratos que foran tratados cun canabinoide amosaban maiores dificultades nas probasEstes danos agrávanse se o consumo se fai na adolescencia. Segundo Agís Balboa, “a metilación do ADN está como descontrolada na adolescencia, alterando a expresión de moitos xenes. Isto, unido a que esa etapa é unha fase de cambio, onde se forma a personalidade, o tránsito cara a idade adulta, etc. Se a todo isto lle engadimos o consumo de drogas, o resultado pode ser un cóctel molotov para a nosa saúde e o noso cerebro”. O científico apunta, ademais, a que os efectos deste consumo poden observarse incluso nas xeracións dos descendentes, segundo apunta algún estudo.
Segundo os datos de 2015 do Observatorio Español de la Droga y las Toxicomanías (OEDT), un 6,1 por cento dos galegos e galegas entre 15 e 64 anos consumiron cannabis nos últimos trinta días. Nos mozos e mozas de 14 a 18 anos, a porcentaxe medra ata o 11,9, segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela publicado tamén o pasado ano.
Esta investigación, segundo apunta Roberto Agís-Balboa, xorde das conversas co director do estudo, Jordi Tomás-Roig, científico da universidade alemana de Goettingen e coa doutora Havemann-Reinecke, do mesmo centro. Agís-Balboa é investigador Ramón y Cajal no grupo de Neurociencia e Enfermidades Psiquiátricas do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. As súas principais liñas de investigación céntranse nas interaccións xenoma-ambiente que ocorren durante o deterioro cognitivo asociado ao envellecemento, os trastornos psiquátricos e as enfermidades neurodexenerativas e, por outra banda, buscar biomarcadores e dianas terapéuticas para diagnosticar e tratar as doenzas psiquiátricas e neurodexenerativas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario