A decisión do goberno municipal de Vigo de incluír o castelán como lingua das sesións plenarias reabre o debate sobre a defensa do idioma por parte das administracións.
O galego deixou de ser o único idioma no que se debaterá no Concello de Vigo. A modificación do regulamento dos plenos, aprobado de forma unilateral grazas á maioría absoluta do PSOE na cidade, supón unha viraxe sobre os acordos alcanzados a respeito do uso da nosa lingua, vixentes durante décadas. Unha viraxe que foi rexeitada pola Marea de Vigo, o BNG e a CIG, cuxas alegacións resultaron desestimadas, e que volve poñer sobre a mesa o estado de saúde do galego na administración.“Era algo que xa estaba contemplado no regulamento do pleno de Vigo, mudalo parécenos unha involución innecesaria”, apunta o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. O novo regulamento equipara sen distinción o galego e o español nos debates plenarios, cando a norma anterior, acordada en setembro de 2010, estabelecía sen excepcións no artigo 57 que o galego era a lingua vehicular do mesmo.
Os opositores á medida adoptada polo goberno de Abel Caballero sinalan a ordenanza municipal de normalización lingüística, aprobada en maio de 1989 e vixente desde entón, onde se recolle o galego como “idioma oficial do Concello de Vigo”. A propia ordenanza apunta que “os cargos do concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos realizados na Galiza, sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario