A dez días das autonómicas, nas que o PP teme perder a maioría absoluta a mans de Ciudadanos, Feijóo salienta que o cambio “blinda por decreto” o “dereito” dos castelanfalantesA Administración autonómica deixará de ser un axente normalizador do idioma galego no seu trato directo coa cidadanía e xa non o empregará con carácter xeral nas súas comunicacións persoais en resposta de queixas ou suxestións. Así o vén de anunciar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a dez días das eleccións autonómicas, nas que o PP teme perder a maioría absoluta a mans de Ciudadanos, cuxa candidata, Cristina Losada, está a facer da loita contra a normalización lingüística un dos eixos do seu discurso.
Segundo anunciou o propio Feijóo na súa comparecencia posterior, a reunión deste xoves do seu Goberno aprobou un decreto para regular a atención ao cidadán por parte da Xunta. O documento abarca moitos máis aspectos que o da lingua, como a atención a persoas con discapacidade ou o uso dos medios tecnolóxicos, e de feito as notas de prensa que posteriormente remitiu a Xunta dedican unha soa frase á cuestión lingüística, da que din que o decreto garante “o dereito da cidadanía a recibir unha resposta na lingua cooficial solicitada pola persoa interesada”. Porén, foi a ese aspecto ao que o propio Feijóo dedicou máis tempo.
O presidente salientou que coa nova norma “queda blindado por un decreto” o “dereito” de que os castelanfalantes sexan atendidos en castelán. Segundo di Feijóo, o seu goberno tiña detectado “algún problema” co sistema previo, no que era o cidadán o que expresamente tiña que solicitar ser atendido en castelán. Co novo, “segundo como consulte o cidadán, se lle atenderá”, en palabras de Feijóo.
Ata o de agora, como medida de normalización lingüística, a Administración autonómica empregaba o castelán para responder a queixas e suxestións só cando así llo pedía cada persoaAta agora, segundo indica un voceiro do goberno galego, a Xunta atendía ao cidadán, tanto de xeito oral como escrito, como norma xeral “en galego salvo que solicitase expresamente contestación en castelán”. É o que o Plan de Normalización da Lingua Galega aprobado en 2004 co acordo de todos os grupos parlamentarios, incluído o PP que gobernaba daquela, define como “oferta positiva”, pensada para que a propia administración contribuíse a mellorar o prestixio do galego e evitar que quede reducido ao ámbito familiar.
Esa oferta positiva na comunicación directa con cada cidadán desaparecerá e, segundo indica ese mesmo voceiro, a Administración “agora adaptarase ao idioma que empregue o cidadán”. Así o verbalizou o propio Feijóo: “Se o cidadán fai unha consulta en galego, será contestado en galego; se o cidadán consulta en castelán, será contestado en castelán, salvo que indique o contrario”. Isto implicaría, polo tanto, un paso atrás que batería co espírito da Lei de Normalización Lingüística, en cuxo artigo ficara establecido que o proceso de normalización do idioma debe ser "progresivo".
Este diario está pendente de que o Goberno galego lle facilite o texto do decreto aprobado para coñecer en detalle o alcance do mesmo e o tipo de comunicacións ou ámbitos de actuación da Administración no que terá efecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario