Suso Benítez-Baleato, da Universidade de Santiago, participou nunha investigación europea que demostra a “forte e persistente” discriminación dixital dos colectivos politicamente marxinados.
Empregando estimacións de alta precisión sobre penetración de Internet –a principal innovación científica do traballo, que desenvolveu Benítez-Baleato– este equipo de estudosos demostrou que os grupos politicamente marxinados presentan significativamente menores taxas de penetración na Rede en comparación con aqueles no poder, “un efecto que non pode ser explicado unicamente por factores económicos ou xeográficos”, advirten.
A achega do investigador galego tivo lugar no contexto dunha estadía na universidade alemá de Constanza baixo a dirección de Nils B. Weidmann, principal asinante do artigo. En colaboración co Departamento de Enxeñería Electrónica do recoñecido Instituto Federal de Tecnoloxía de Suíza (ETH Zurich), Benítez-Baleato desenvolveu un novo método baseado na análise do tráfico global de Internet. O novo método, presentado na Universidade de Nova York, “emprega un sistema de análise espacial que permite estimar a penetración de Internet practicamente en tempo real, mesmo en zonas de guerra ou baixo o control de réximes autocráticos”. Benítez-Baleato aclara que o método funciona como se fose un telescopio de gran precisión instalado nun satélite. “Isto permite observar a conectividade de calquera área do planeta aumentando a imaxe tanto como sexa necesario para calcular a penetración por países, provincias ou mesmo municipios, e observar a súa evolución por anos, meses ou mesmo por semanas”, explica.
CUESTIONAN A HIPÓTESE DA TECNOLOXÍA DA LIBERACIÓN
O traballo destes estudosos levanta dúbidas sobre os supostos beneficios das tecnoloxías dixitais, a principal cuestión formulada no proxecto de doutoramento do investigador galego, e que fora seleccionado para a súa presentación na Universidade de Harvard.
A hipótese da ‘tecnoloxía da liberación’ defende que internet fomenta a transparencia e a rendición de contas dos gobernos non democráticos en todo o mundo e pode axudar aos movementos de oposición a organizarse para a acción colectiva dos grupos marxinalizados. Non obstante, matizan os investigadores, esta afirmación baséase “no suposto de que estes grupos teñen suficiente acceso a internet”. Ese foi o obxectivo do traballo: probar se os grupos politicamente máis desfavorecidos son sistematicamente privados do acceso ás novas tecnoloxías polos seus gobernos. Con ese propósito, o estudo compara os efectos de distintos factores sobre a penetración de Internet, incluíndo o nivel económico e o grao de inclusión dos grupos nas institucións políticas. Para o cálculo destes indicadores empregaron unha gran variedade de datos, incluída a emisión de luz nocturna rexistrada polos satélites da NASA.
“Os nosos resultados poñen de manifesto a existencia de impedimentos á chamada tecnoloxía da liberación”, afirman os investigadores, que poñen o acento no papel que xogan os gobernos. Tal como sinala o artigo, na maioría dos países en desenvolvemento os gobernos son o principal, se non o único, provedor dos servizos de telecomunicacións. Ao tempo, en moitos destes países un ou máis grupos étnicos manteñen o poder político a expensas de marxinar os outros, “o que permite que a tecnoloxía de Internet se implemente en beneficio duns grupos en detrimento doutros”. “Os gobernos xogan un papel fundamental na distribución de Internet, o que pode, intencionadamente ou non, sabotear os seus efectos liberadores”, argumentan.
IMPLICACIÓNS
Ademais das innovacións científicas sobre estatísticas de Internet, o traballo destaca polas profundas implicacións dos seus resultados. “Aínda que internet continúa tendo claramente o potencial de promover a mobilización para o cambio político, os gobernos poden impedir este efecto”, matiza Benítez-Baleato, “o que debería levar aos estudosos dos efectos da comunicación tecnolóxica a reconsiderar as circunstancias nas que Internet pode realmente contribuír ao cambio político”.
As conclusións do estudo son consistentes cos resultados da tese doutoral sobre tecnoloxía política desenvolvida polo investigador galego baixo a dirección do catedrático de Ciencia Política da USC, Ramón Máiz. Segundo Benítez-Baleato, “o desenvolvemento científico-técnico estivo historicamente condicionado por criterios políticos e relixiosos, e non existen razóns que convertan á informática nunha excepción”.
Ademais, nas políticas de desenvolvemento que buscan promover a paz e a democratización a través de Internet é necesario ter en conta a desigual prestación de servizos dixitais nos países, así como a capacidade dos gobernos para condicionar o acceso a Internet. “Só aliviando a desigualdade dixital os canais modernos de comunicación facultarán as persoas e as sociedades para o fomento do desenvolvemento político e económico”, conclúen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario