O estudante Isidoro Martínez conseguiu 240.000 firmas contra as polémicas avaliacións externas da LOMCE
Isidoro Martínez, de 14 anos, sae con aspecto orgulloso do
Ministerio de Educación. Aínda non conseguiu o seu obxectivo, pero deu
un paso importante: “O ministro recibiunos. Vai seguir na traxectoria da
súa ideoloxía e non vai eliminar as reválidas”, lamenta. Minutos antes
de entrar no edificio camiñaba pola rúa de Alcalá de Madrid coa
enteireza de quen presentase a diario reformas lexislativas na alta
administración do Estado: “Sorpréndeme, pero estou tranquilísimo. Parece
que me botaron algo no almorzo”, confesa. Entre unha nube de cámaras de
televisión, carga tranquilamente a caixa que simboliza as 240.000
firmas que conseguiu contra as reválidas da LOMCE,
as cuestionadas avaliacións externas que entran en vigor este ano e que
afectarán a 335.991 alumnos de ESO e a 229.332 de Bacharelato.
Este mozo da localidade gaditana de San Fernando puxo en marcha a recollida de firmas o 30 de xullo, día de publicación do decreto no BOE.
Ía camiñando por un centro comercial esculcando co móbil entre as
tendencias en Twitter, cando descubriu que a aprobación das reválidas
era un dos temas máis candentes. Informouse sobre o tema, indignouse e
canalizou o enfado da única maneira útil que se lle ocorreu: abriu unha petición en Change.org,
a maior plataforma de recollida de firmas do mundo. Logo publicouna en
Twitter, sen pensar que un cuarto de millón de persoas acabarían
apoiándolle.
Ningún comentario:
Publicar un comentario