Esta fin de semana ten lugar en Rianxo, dentro das Festas da Guadalupe, o Festival Tosta que celebra a diversidade lingüística e cultural europea. E alí poderemos ver a Xurxo Souto, Quico Cadaval, Guadi Galego, De Vacas, Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel... ademais da plurilingüe Banda Tosta e os vascos Oreka TX.
- Co Festival Tosta remata esta experiencia paneuropea de linguas e culturas minorizadas, non?- Máis ben comeza unha etapa de intercambio entre os diferentes países que participamos. Neste caso foi baixo a iniciativa de Donostia 2016 e aquí foi en colaboración coa Mesa, coa Deputación da Coruña e co Concello de Rianxo. Pero pensamos que despois deste periplo que comezou en Irlanda e remata dentro de 15 días en Errenteria, ten que continuar logo desta experiencia tan positiva de intercambio de diferentes países con linguas minorizadas e con situacións lingüísticas semellantes. É unha experiencia que tentaremos repetir, polo menos a colaboración entre as diferentes entidades, que son moitas. Aquí o que houbo ao final foi unha irmandade entre entidades moi diferentes pero que comparten a necesidade de rehabilitar e de normalizar as súas linguas.
- En Tosta participaron estados como Irlanda e tamén “rexións” sen autonomía e que perderon a súa lingua hai séculos, como Cornualles. Como foi a colaboración?
- Cornualles está nun proceso de recuperación, pero fundamentalmente quen participan son asociacións, aínda que haxa colaboración dos estados, de cada un destes países: Cornualles, Irlanda, Gales, Frisia, Euskadi e nós.
- Pensades continuar colaborando con eles entón.
- Si, a Mesa xa está na Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) e xa había relación con moitas das entidades, e agora afortálase con este festival. A nosa idea é mantela porque é preciso que se saiba que en Europa existe moita diversidade, no caso das linguas tamén, e que por desgraza a maior parte das linguas europeas están en situación de minorización e de exclusión nos seus propios territorios e é necesario invertir isto, darlle a volta, e que tamén as entidades sociais teñamos protagonismo.
Aquí o que houbo ao final foi unha irmandade entre entidades moi diferentes pero que comparten a necesidade de rehabilitar e de normalizar as súas linguas- Esta fin de semana haberá concertos e diferentes actividades. Tamén un mosaico humano. En que consiste?
- A idea é que cada país vaia facendo a súa achega a un gran mosaico que é o Tosta, a diversidade cultural e as ligazóns que temos con todos estes países. Cada un levará unha cartulina e faremos unha foto.
- Pode participar calquera?
- Si, será o domingo a partir das 6.30 da tarde e todo o mundo está convidado a participar, a levantar a súa cartulina e a que se vexa que Galiza existe e que a nosa lingua existe igual que existen outras aínda que non se vexan. É unha maneira lúdica de reivindicar que existimos e que temos dereito a existir.
- Que destacarías do programa desta fin de semana?
- Pois todo, desde a Banda Tosta, unha banda realmente plurilingüe, non como o Decreto. Cada compoñente da Banda fala na súa lingua e todos se fan entender a través da música. Aí vese que a diversidade crea harmonía entre os compoñentes do grupo, o que podería ser unha boa metáfora para ver que falando de igual a igual na lingua de cada un podemos entendernos e respectarnos en igualdade de condicións.
A palabra tosta existe nas diferentes linguas que participan. É o nome dunha táboa nunha embarcación, en todas as linguas- Hai algunha galega ou galego nesa Banda?
- Si, Mónica de Nut.
- A participación de fóra, ademais da Banda Tosta, é da artista gales Luned Rhys e dos ‘txalapartaris’ vascos Oreka TX. Imaxino que outros galegos participaron nos outros festivais, non?
- Aquí a experiencia previa aos festivais foi un intercambio cultural. No caso galego gañou un concurso da Deputación da Coruña cunha proposta didáctico-cultural Belén Tajes, e estivo nunha residencia de mes e pico en Irlanda, e alí fixo un traballo para coñecer a música tradicional mariñeira irlandesa, e comparouna coa galega. Ese traballo vaino presentar aquí en Rianxo. E a galesa Luned Rhys, artista plástica, estivo aquí e o traballo que elaborou aquí expoñerase tamén. E remata todo a última semana en Errenteria, onde cada país irá xuntando a súa carga cultural, por iso se chama Tosta Cargo.
- Por que Tosta?
- Porque esta palabra existe nas diferentes linguas que participan. É o nome dunha táboa nunha embarcación, en todas as linguas. No caso do vasco e do irlandés é unha táboa que se utiliza para sentar nos barcos, e no caso do galego é unha táboa que se utiliza para deslizar os barcos para a praia. E por iso se colleu esa palabra como elemento de unión relacionado co mar.
https://youtu.be/jxu2B9aWgb4
Ningún comentario:
Publicar un comentario