O 'bullying' escolar a través das redes sociais representa xa un de cada catro casos.
As mozas son as vítimas do 70% dos casos de ciberacoso, unha porcentaxe diferente ao acoso escolar en xeral, onde os afectados están máis equilibrados por sexos, e a fustrigación dos mozos que sofren 'ciberbullying' é diaria.Son algunhas das principais conclusións do Estudo sobre 'ciberbullying' segundo os afectados, realizado polas fundacións Anar (Axuda a nenos e adolescentes en risco) e Mutua Madrileña, e no que se destaca que o acoso escolar a través das redes sociais representa xa un de cada catro casos. O documento, dado a coñecer hoxe, a pouco de comezar o curso, realiza unha radiografía deste problema en España baseándose en testemuños das vítimas e as súas familias ao teléfono de Anar (900 20 20 10).
"Métense con el, espérano á saída para rirse del, soben fotos ás redes sociais como Instagram ou mándanas por Whatsapp, bótanlle fotos sen que se dea conta en clase (...) e ameaza con subir máis fotos burlándose del". É o testemuño da nai dun mozo de 13 anos e que está incluído neste estudo, realizado con chamadas recibidas en Anar de 2013 a 2015; en concreto, sobre 550 casos escollidos de forma aleatoria sobre un total de 1.363 casos de ciberacoso.
Nos citados tres anos Anar atendeu máis dun millón de chamadas e, delas, 60.408 relacionadas con acoso escolar. "Esta gran base de datos permitiunos estudar o problema desde dentro, desde o punto de vista daqueles que o sofren" e o número de chamadas atendidas "dá unha idea da gravidade do problema, que segue en ascenso", sinalou Benjamín Ballesteros, director de Programas de Anar.
Os ciberacosadores pertencen na maioría das ocasións ao mesmo centro que a vítima e actúan en grupo (entre 2 e 5 persoas) do mesmo sexo que a vítima. Adoitan ser adolescentes e móvelles a agresividade ou a vinganza", segundo esta investigación, que explicou que as vítimas de ciberacoso só piden axuda aos adultos cando a súa situación se prolonga máis aló dun curso escolar.
A idade media de inicio do ciberacoso é de 13,6 anos, superior á do acoso escolar en xeral (11,6 anos) e a agresión máis habitual é o insulto (81%), aínda que tamén ameazas (37%) e difusión de rumores (11%).
O teléfono móbil é a ferramenta máis habitual para acosar e o Whatsapp a aplicación máis utilizada (81% dos afectados).
A agresión "pasa factura a quen a padecen" e o 92% das vítimas sofre secuelas como ansiedade, tristeza, soidade e baixa autoestima. Un 10% das vítimas tivo condutas autolesivas, pensamentos suicidas e incluso intentos de acabar coa súa vida.
Case o 72% das vítimas sofre 'ciberbullying' a diario, algo que se explica polo fácil acceso ás tecnoloxías -recalca o informe-, mentres que no acoso presencial os ataques adoitan prolongarse no tempo.
A maioría das vítimas de ciberacoso son de nacionalidade española, de familias convencionais (é dicir, con pai, nai e irmáns) e sen problemas económicos.
De todos os casos analizados, un 30,6% considérase de "alta gravidade" por ir unido a accións físicas de acoso e agresión, prolongarse máis aló dun ano, frecuencia diaria e con incremento da violencia.
Os pais adoitan ser as persoas aos que os mozos confían o seu problema e fano con maior frecuencia (81,3%) que vítimas doutros tipos de acoso (62,1%). Os profesores que coñecen un caso de 'ciberbullying' adoitan tomar medidas en maior porcentaxe que noutros acosos (75% e 59,2%, respectivamente), pero sen ser satisfactorias para vítimas e familias na maioría dos casos.
O cambio de colexio, medida adoptada polo 10% dos pais, resulta "pouco eficaz" pois o 'ciberbullying' reprodúcese no 30% dos casos. O estudo considera máis efectivo que a vítima reciba tratamento psicolóxico para adquirir as habilidades necesarias para defenderse e fortalecer a súa autoestima e que o centro adopte medidas.
Os expertos concluíron que é necesario adoptar un Protocolo de Actuación Unificado para toda España no que se contemplen as medidas que deben adoptar os centros escolares.
COMUNIDADES. Madrid é a comunidade con máis casos de ciberacoso (28,6% do total estatal), seguida de Castela e León (11,4%), Cataluña (8,8%) e Andalucía (8,6%). Galicia (2,9%) atópase entre as comunidades cunha menor presenza desta problemática.
Ningún comentario:
Publicar un comentario