Entre outras moitas
cousas que protexer, a sociedade galega ten a responsabilidade de
coidar e preservar para as súas xeracións vindeiras os seus nomes
de lugar. Non tanto os topónimos máis coñecidos e que designan
núcleos e emprazamentos de certa entidade, para os que non existe
tanto nivel de risco (de feito o proxecto tecnolóxico
toponimia.xunta.gal, xa
activo, encamíñase directamente a rexistralos e velar por eles),
senón máis ben o que se coñece como microtopónimos. Para
facérmonos unha idea do reto que temos os galegos ante nós, a Real
Academia Galega (RAG) vén de dar a coñecer que arestora só están
rexistrados arredor de medio millón de microtopónimos. Fican
pendentes de salvagardar un millón máis. Así o fixo saber o
presidente da RAG, Xesús Alonso Motero, na Xornada de Onomástica
Galega celebrada os días pasados. Segundo indicou o máximo
responsábel da entidade, “corremos o risco de perder este tesouro
se non se acelera a súa recolleita”. As novas tecnoloxías xogan,
neste punto, un papel fundamental.
O
encontro, organizado pola Real Academia Galega e a Deputación de
Pontevedra, celebrouse no Museo de Pontevedra. Segundo informa a
RAG, a xornada concibiuse como “un curso para formar formadores",
persoas que non teñen que ser grandes expertos en toponimia, senón
só contar "con certa pericia e erudición lingüística para
seren capaces de achegar aos institutos de ensino, ás asociacións
de veciños ou comunidades de montes uns coñecementos básicos para
recoller con fiabilidade topónimos que hoxe poden ser recolleitos e
que quizais dentro de 24 horas xa non".
Na inauguración do acto
tamén interveu o deputado Xosé Leal, quen salientou por unha banda
a importancia de preservar a nosa toponimia, e pola outra a
relevancia de loitarmos contra a súa deturpación, práctica que “é
un mal que se está a reproducir en maior medida hoxe en día, mesmo
desde as institucións", sinalou. O deputado avogou tamén pola
introdución das novas tecnoloxías na recollida como forma de
achegarse á mocidade e involucrala, porque "é o futuro e a
encargada de preservar o pasado".
Na xornada tamén
interviñeron Xosé Lois Vilar (achegando aos presentes ao labor de
recollida de talasonimia desenvolvido en Baiona, un traballo aínda
por completar que sumou ata o momento cerca de 1.300 microtopónimos
costeiros e mariñeiros), Anxo Rodríguez Lemos (que introduciu aos
asistentes no traballo do Instituto de Estudos Miñoráns para xuntar
forzas coas comunidades de montes a prol da preservación de
toponimia e microtoponimia) e María Abelleira Fontán (propoñendo
un achegamento a Chamámonos así, proxecto da Concellería de
Normalización Lingüística de Pontevedra a través do cal quérese
rexistrar a toponimia viva na memoria das persoas que habitan as
parroquias da contorna, xeorreferenciala e crear unha base de datos
de acceso público para a consulta e a investigación).
Voluntarios
internautas
Na xornada, rica en
presentacións, propostas e ideas para proxectos vindeiros, tamén se
deu a coñecer a metodoloxía da aplicación de recolleita
xeorreferenciada na que está a traballar a Real Academia Galega a
través do Seminario de Onomástica. Segundo se fixo saber, este
departamento, en colaboración coa axencia AMTEGA, quere impulsar
unha aplicación colaborativa en liña para a recolleita, a
xeorreferenciación e a difusión da microtoponimia nunha única base
de datos. Segundo fixo saber Vicente Feijoo, responsábel de
toponimia do Seminario, esta nova ferramenta “permitirá que o
voluntariado cultural de Galicia, desde unha tableta ou un teléfono
intelixente, poida facer recolleita da microtoponimia da súa aldea,
parroquia ou concello e, segundo unha metodoloxía predefinida,
introducila nunha base de datos e emprazala xeograficamente”. Tameń
engadiu que estes nomes, logo de seren examinados e contrastados por
especialistas e informantes (a través dun foro específico), pasarán
a integrar o banco de topónimos normalizados de toda Galicia, de
acceso libre a través de toponimia.xunta.gal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario